O Pereiro de Aguiar reabre a súa axuda de 250 euros por cada nacemento, adopción ou tutela

O Concello do Pereiro de Aguiar deu luz verde a unha nova edición do seu programa de apoio ás familias, coñecido como tarxeta ‘Benvido/a ao Pereiro’. A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 16 de outubro as bases que regulan esta axuda, destinada a quen tivese un fillo, ou formalizase unha adopción ou tutela, entre 2024 e 2026.
A contía mantense en 250 euros por cada menor e abónase a través dunha tarxeta electrónica que só pode empregarse en comercios locais da provincia de Ourense para a compra de produtos de hixiene, alimentación ou saúde en farmacias e parafarmacias. Quedan fóra as compras por internet e a retirada de efectivo en caixeiros.
Para optar á axuda é necesario estar empadroado no municipio con polo menos un ano de antigüidade previo á solicitude, e que o menor tamén figure inscrito no padrón municipal. Nos casos de separación ou divorcio, a persoa beneficiaria será quen teña a custodia do menor, e se esta é compartida só se concederá unha axuda ao proxenitor que a solicite primeiro.
O prazo para presentar as solicitudes correspondentes a nacementos, adopcións ou tutelas producidos entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 30 de novembro de 2026 esténdese ata o 15 de decembro deste ano. Para os casos que teñan lugar no mes de decembro de 2026, o prazo prolóngase ata o 15 de xaneiro de 2027.
As solicitudes poden tramitarse de forma presencial ou a través da sede electrónica municipal, e deben acompañarse de documentación como o DNI da persoa solicitante, o certificado de nacemento ou, se é o caso, a resolución que acredite a adopción ou tutela. Aquelas persoas que xa recibisen a tarxeta ‘Chegou’ da Deputación de Ourense entre 2024 e 2026 poderán substituír parte desa documentación por unha autorización para consultar os datos directamente na institución provincial.
Unha vez resolta a convocatoria, as persoas beneficiarias deberán recoller a tarxeta nas oficinas municipais, que será activada pola entidade bancaria colaboradora. O prazo máximo para activala e facer uso do saldo esténdese ata o 31 de maio de 2027; pasada esa data, as cantidades non utilizadas reintegraranse automaticamente ao Concello.