O Pereiro de Aguiar pon en marcha dúas novas axudas dentro do Plan Reactiva Pereiro

O Concello do Pereiro de Aguiar deu luz verde a dúas novas convocatorias de axudas enmarcadas no programa Reactiva Pereiro 2026, aprobadas pola Xunta de Goberno Local na súa sesión do pasado 16 de outubro. As dúas liñas buscan reforzar o apoio económico a distintos colectivos do municipio: por unha banda, aos deportistas individuais que destaquen en competicións oficiais e, pola outra, ás familias numerosas residentes na localidade.
Axudas para deportistas individuais
A primeira das convocatorias está destinada a sufragar os gastos derivados da práctica deportiva de persoas federadas e empadroadas no Pereiro de Aguiar que compitan de forma individual, quedando fóra as modalidades por equipos, relevos ou probas sincronizadas, así como xornadas de control, competicións escolares ou probas populares.
Para optar a esta axuda será necesario levar empadroado polo menos un ano de forma ininterrompida, dispor de licenza federativa en vigor e non estar a cumprir sanción firme por infraccións graves ou moi graves no ámbito deportivo. Ademais, os solicitantes deberán acreditar, mediante certificado da federación correspondente, ter logrado durante a tempada 2026 polo menos un dos seguintes resultados: podio no Campionato Provincial de Ourense ou Copa da Deputación; estar entre os dez primeiros postos do campionato galego absoluto; figurar entre os quince primeiros no campionato de España absoluto; proclamarse campión ou campiona universitario individual galego; ou quedar entre os tres primeiros do campionato universitario estatal.
A axuda poderá ser solicitada tanto por deportistas maiores como menores de idade, e a súa contía dependerá do número total de solicitudes admitidas, xa que o importe dispoñible repartirase entre todas elas. O prazo para presentar solicitudes será dun mes desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, podéndose tramitar tanto de forma presencial no rexistro municipal como a través da sede electrónica.
Apoio económico a familias numerosas
A segunda convocatoria busca aliviar os gastos básicos das unidades familiares do municipio que teñan recoñecida oficialmente a condición de familia numerosa, cunha axuda de ata 200 euros por solicitude. As familias interesadas deberán levar empadroadas polo menos un ano de forma ininterrompida e contar co título de familia numerosa en vigor no momento de pedir a axuda.
Entre os requisitos figura tamén non superar uns límites de renda familiar que varían segundo o número de membros da unidade de convivencia: desde 21.000 euros para familias de tres persoas ata 56.000 euros para as de oito, engadindo 1.803,73 euros adicionais por cada membro extra. Do cálculo de ingresos poderá descontarse ata 6.000 euros anuais en concepto de alugueiro ou hipoteca da vivenda habitual.
Ao tratarse dun crédito limitado, estas axudas concederanse por rigorosa orde de presentación ata esgotar o orzamento dispoñible, que para esta convocatoria procede da partida municipal destinada a este fin dentro do orzamento de 2026. O prazo de solicitude tamén será dun mes a contar desde a publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia.
En ambos os dous casos, as resolucións publicaranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal e na páxina web do Concello, e as persoas interesadas poderán consultar toda a documentación necesaria, os modelos de solicitude e as declaracións responsables esixidas a través destas mesmas canles.