O Pereiro de Aguiar convoca o seu concurso de tarxetas de Nadal con premios de ata 150 euros

O Pereiro de Aguiar puxo en marcha unha nova edición do seu concurso de tarxetas nadalegas, baixo o nome 'Tarxetas de Nadal Terras de Aguiar 2026', unha iniciativa que busca fomentar a creatividade arredor destas datas e que está aberta á participación de veciños de todas as idades.
A convocatoria establece seis categorías segundo a idade das persoas participantes: ata 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10, de 11 a 15, de 16 a 60, e maiores de 60 anos. Cada persoa poderá presentar un máximo de dúas obras, que deberán entregarse baixo lema ou pseudónimo dentro dun sobre pechado, indicando no exterior a categoría correspondente. No interior incluirase outro sobre cos datos persoais e un teléfono de contacto, ou o nome do centro escolar no caso do alumnado. O material para elaborar as tarxetas é libre, e os textos que se inclúan poderán redactarse tanto en galego como en castelán.
Os traballos deberán entregarse na Biblioteca Municipal, en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 15.30 a 19.30 horas. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 15 de decembro de 2026, ás 14.30 horas. O fallo do xurado coñecerase o 17 de decembro e publicarase na páxina web municipal, ademais de comunicarse telefonicamente ás persoas gañadoras.
Canto aos premios, as categorías infantís (ata 10 anos) recibirán material escolar e lotes de libros para os tres primeiros postos. Na categoría de 11 a 15 anos, o primeiro premio consistirá nun vale de 60 euros, o segundo de 40 euros, e o terceiro en material escolar e libros. Para a franxa de 16 a 60 anos, os importes serán de 100, 75 e 50 euros respectivamente, mentres que as persoas maiores de 60 anos optarán a lotes de produtos artesáns.
Ademais, contémplase un premio especial dotado con 150 euros para a tarxeta considerada máis destacada entre todas as presentadas, que será empregada como felicitación institucional de Nadal do Concello. Este galardón é incompatible con calquera outro premio do concurso.
A entrega dos premios terá lugar o 5 de xaneiro de 2027 no Auditorio dos Gozos, coincidindo coa recepción dos Reis Magos. Quen non poida acudir ao acto poderá recoller o seu premio posteriormente na Biblioteca Municipal.
Para máis información, o Concello pon á disposición das persoas interesadas os teléfonos 988 25 98 39 e 685 528 538, así como o correo electrónico cultura@concellopereiro.com. As bases completas pódense consultar en www.pereiro.gal.