O Pazo de Tor acollerá un encontro de boas iniciativas culturais con participación dunha vintena de colectivos e profesionais

O Pazo de Tor, en Monforte, será escenario o vindeiro 13 de xullo do primeiro Encontro de Boas Iniciativas Culturais, unha xornada organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo que reunirá arredor dunha vintena de asociacións e profesionais do ámbito cultural da provincia.
A iniciativa forma parte do proxecto 'Escola, Cultura e Territorio', impulsado polas áreas de Cultura das deputacións de Lugo e da Coruña xunto co Consello da Cultura Galega. O programa inclúe tamén outras accións como residencias para axentes culturais no Pazo de Mariñán, en Bergondo, e actividades formativas dirixidas a responsables políticos e persoal técnico municipal.
A deputada de Cultura, Iria Castro, e a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, presentaron esta iniciativa, que pretende identificar proxectos e experiencias que empregan a cultura como ferramenta de transformación social e dinamización comunitaria.
Segundo explicou Iria Castro, o proxecto nace dunha visión compartida entre as institucións participantes, que consideran a cultura "como un dereito da cidadanía e como un ámbito desde o que fortalecer o vínculo social e o sentido de identidade e de pertenza".
A deputada destacou tamén a importancia de impulsar accións conxuntas adaptadas ás características de cada territorio. Neste sentido, incidiu en que a realidade da provincia de Lugo, marcada pola dispersión da poboación e polo peso do ámbito rural, favoreceu o xurdimento de iniciativas culturais con experiencias relevantes que poden servir de referencia noutros contextos.
O encontro estruturarase arredor de catro mesas de traballo centradas en diferentes ámbitos de actuación cultural. A primeira estará dedicada á profesionalización cultural e abordará modelos de xestión e proxectos sustentables que xeran impacto económico e social. Participarán iniciativas como 'Outonía Cooperativa', 'Gaita Filmes', a Asociación Ser, a Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada ou a Trienal de Sarria.
A segunda mesa centrarase na identidade local, a memoria histórica e a valorización do patrimonio cultural, coa participación de propostas como 'Mariña Patrimonio', Fundación Legar, 'Son d´Aldea', Espazo Caritel ou programas divulgativos vinculados aos xacementos da Pobra do Brollón.
Na terceira sesión analizaranse experiencias de asociacionismo cultural e construción comunitaria a través do traballo de colectivos como Xermolos, Asociación Aldear, IESCHA, Instituto de Estudos Ulloáns, Seminario de Estudos do Valadouro e Xotramu.
A programación incorporará tamén experiencias relacionadas coa organización de eventos culturais e musicais como a Foliada da Fonsagrada, Breason, Castañazo Rock, Fancine de Lemos ou Teatro das Cortes, destacadas pola súa capacidade para crear espazos de participación e fortalecer o tecido social.
Ao remate da sesión da mañá celebrarase un xantar de traballo aberto tamén ás persoas asistentes, co obxectivo de prolongar o diálogo iniciado nas distintas mesas e favorecer a creación de vínculos entre colectivos e profesionais.
A participación tanto na xornada como no xantar require inscrición previa a través do correo electrónico habilitado pola organización.