O Pase de Primavera de Vendaval chega ao seu ecuador cunha semana de actividades educativas e culturais

SarriaXa | RibeiraSacraXa
A Mostra continúa pola semana cun programa centrado no público escolar e retomará as sesións abertas ao público a fin de semana
Vendaval- Foto Darío Eyre
Vendaval- Foto Darío Eyre
26 May 2026

Vendaval, a Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra continúa esta semana tras unha primeira fin de semana na que se combinaron proxeccións, música en directo e sesións formativas, e afronta agora a parte central do seu Pase de Primavera.

O programa arrancou a pasada semana cunha masterclass de Iván Castiñeira, un concerto de Joel Fontán e as proxeccións de 'Deuses de Pedra' e 'À procura da Estrela', dando inicio a unha edición centrada na difusión do cinema portugués e as coproducións galego-portuguesas.

Durante esta semana, a actividade está orientada principalmente ao público escolar. O mércores 27 desenvolveranse varias propostas educativas, entre elas unha visita á Torre do Homenaxe de Monforte de Lemos, unha sesión de cinema mediado coa proxección de 'Nayola' no Centro Cultural Lois Pereiro e a ruta “Máis que Románico” por Sober.

O xoves 28 continuará a programación con outra proxección mediada de 'Ice Merchants' no Centro Sociocultural de Bóveda. Ao longo da xornada tamén haberá visitas guiadas e obradoiros de animación na Casa da Memoria, ademais dunha actividade de observación astronómica organizada pola agrupación Ío. O programa escolar completarase o venres 29 cunha visita ao Museo Eulogio, no Incio.

A fin de semana marcará o regreso da programación aberta ao público. O sábado 30 o Auditorio de Chantada acollerá unha charla sobre a coprodución audiovisual con Portugal a cargo de Beli Martínez, tras a cal se proxectará o filme 'Ariel', de Lois Patiño, no Cinema Palleiriso.

O Pase de Primavera pecharase o domingo 31 na Casa da Memoria de Bóveda cunha xornada que combinará gastronomía, música e cinema. A programación incluirá unha cata comparativa de viños portugueses e da Ribeira Sacra, un concerto de Davide Salvado e a proxección da curta 'Noite sem distância', seguida dun coloquio sobre o contrabando na Raia.

Vendaval conta cun formato que integra cinema, artes escénicas, gastronomía e actividades formativas, consolidándose como un espazo de encontro cultural entre Galicia e Portugal no ámbito rural, con base na Casa da Memoria de Bóveda e o apoio institucional do Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia a través de AGADIC.

0.14265203475952