O Orfeón Terra a Nosa celebra o seu 60 aniversario cun concerto en Monforte

RibeiraSacraXa
Será este domingo na Igrexa da Nosa Señora da Antiga
orfeon-terra-nosa-monforte
23 May 2026

O Orfeón Terra a Nosa celebra o seu 60 aniversario cun concerto en Monforte de Lemos o vindeiro domingo 24 ás 19:00 horas na Igrexa da Nosa Señora da Antiga (Padres Escolapios). A cita está organizada pola Sociedade Filarmónica de Monforte e conta co patrocinio da Xunta de Galicia.

A formación coral, creada en 1966 en Santiago de Compostela, consolidouse ao longo de seis décadas como un dos referentes do panorama coral galego. Desde a súa fundación por Manuel Feijóo, a agrupación estivo dirixida posteriormente por Miro Moreira e, máis recentemente, por Mateo Iglesias, tendo na actualidade a Luís Martínez como director artístico. Ao longo da súa traxectoria, o coro foi recoñecido con distincións como o Premio da Crítica de Galicia (1992) e a Medalla de Prata ao Mérito Artístico de Santiago (1994), ademais de premios internacionais de polifonía.

O Orfeón desenvolveu unha intensa actividade concertística dentro e fóra de Galicia, colaborando con orquestras como a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra Sinfónica de Galicia, e participando en festivais e xiras internacionais en numerosos países europeos e americanos. O seu traballo tamén se centra na recuperación e difusión do patrimonio musical galego, con múltiples estreas e gravacións discográficas.

No concerto de Monforte, o público poderá escoitar unha formación con ampla experiencia en repertorio sinfónico-coral, nun evento que forma parte das celebracións do seu 60 aniversario.

 

0.11728501319885