O Museo Provincial de Lugo exhibe cinco debuxos orixinais de Castelao cedidos polo Museo de Pontevedra

GaliciaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa
A colaboración entre ambas institucións inaugúrase cunha mostra centrada en 'Os vellos non deben de namorarse', obra que tamén protagonizará unha representación teatral no Pazo de Tor o vindeiro domingo
obras-Castelao-Lugo
9 Jul 2026

A Sala Castelao do Museo Provincial de Lugo acolle desde esta semana e ata o 31 de decembro unha exposición temporal formada por cinco debuxos procedentes do Museo de Pontevedra. As pezas corresponden á versión manuscrita definitiva de Os vellos non deben de namorarse, unha das creacións máis emblemáticas de Castelao, e forman parte dun novo programa de colaboración entre ambos os museos.

Os debuxos que poden contemplarse son Lela e o carabinero entre as mulleres, A nai, o pai e Pimpinela, O mozo e o vello, A morte e Rostro de Pimpinela. A iniciativa busca dinamizar a sala monográfica dedicada ao autor rianxeiro e establecer un diálogo entre as coleccións que conservan os dous centros museísticos.

A programación arredor da figura de Castelao continuará esta mesma semana co teatro. O vindeiro domingo, 12 de xullo, ás 19.00 horas, o Pazo de Tor acollerá a representación de Os vellos non deben de namorarse, unha actividade incluída nas celebracións do 20 aniversario da Rede Museística Provincial.

A posta en escena correrá a cargo da Asociación Cultural e Folclórica Os de Algures, que presenta un proxecto músico-teatral caracterizado pola súa fidelidade á concepción escénica ideada por Castelao. O espectáculo recupera o vestiario inspirado na obra gráfica do autor, reproducido a partir dos seus debuxos e pinturas, e segue as indicacións que deixou sobre escenografía, movementos e música tradicional.

A compañía pontevedresa combina así a peza dramática coa cultura popular galega, mantendo a esencia da obra, o emprego das máscaras e a estética orixinal concibida por Castelao. A asistencia á representación será libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto.

0.13330388069153