O Museo Etnográfico de Quiroga incorpora novas pezas ao seu recuncho tecnolóxico

RibeiraSacraXa
As novas incorporacións inclúen ferramentas e aparellos históricos vinculados ao ámbito industrial e artesanal
museo-tecnoloxico-quiroga
22 May 2026

O Museo Etnográfico de Quiroga vén de ampliar a súa colección coa incorporación de novas pezas ao espazo dedicado á evolución tecnolóxica e industrial, un ámbito que foi medrando nos últimos anos arredor da antiga imprenta do establecemento El Derroche.

O museo conta actualmente con máis de 1.600 referencias relacionadas cos produtos tradicionais do territorio, como o viño, o aceite, o mel ou a castaña, ademais de coleccións vinculadas á madeira, pedra, ferro, tecidos, agricultura, gandería, a lareira ou a escola tradicional.

A incorporación da imprenta histórica permitiu crear un pequeno espazo centrado na chegada das novas tecnoloxías ao rural, mostrando como a Revolución Industrial tamén acabou transformando os traballos e a vida cotiá nas zonas máis afastadas das cidades.

As novas incorporacións chegaron grazas á colaboración de veciños e veciñas da comarca e inclúen diferentes ferramentas e aparellos históricos vinculados ao ámbito industrial e artesanal.

Entre as pezas máis singulares destaca unha antiga aceiteira industrial manual da marca Norte, utilizada para lubricar maquinaria pesada en talleres, fábricas ou ferrocarrís. A súa identificación permite situala entre os anos 1900 e 1941, cando a Compañía de los Caminos de Hierro del Norte de España pasou a integrarse en RENFE.

Tamén se incorpora un antigo torno de reloxeiro empregado na fabricación e reparación de pequenas pezas de reloxaría e xoiería entre finais do século XIX e comezos do XX.

Outra das novidades é unha pechadora manual de latas fabricada pola firma bilbaína Somme, empresa fundada en 1905 e especializada en maquinaria para a industria conserveira.

Na antiga forxa do museo instalouse ademais un soplete antigo de gasolina ou queroseno, elaborado en latón, cobre e ferro, correspondente a un modelo da marca sueca Max Sievert, especializada neste tipo de ferramentas industriais.

Con estas incorporacións, o Museo Etnográfico de Quiroga continúa ampliando o seu patrimonio expositivo e reforzando a divulgación da historia social, industrial e etnográfica do territorio.

0.12548208236694