O incendio de Quiroga dispárase ata as 250 hectáreas de superficie queimada

O incendio forestal declarado este martes no municipio lucense de Quiroga experimentou un forte avance e xa suma máis de 250 hectáreas de terreo calcinado, moi por riba das primeiras estimacións manexadas durante a tarde, cando a superficie afectada rondaba as 20 hectáreas.
O lume, que se orixinou na parroquia de Pacios da Serra, na zona de Malcatán, continúa sen estar controlado. As condicións meteorolóxicas das últimas horas, marcadas polo vento e as altas temperaturas, dificultaron as labores dos equipos despregados sobre o terreo.
Ante o agravamento da situación, reforzouse o operativo con medios adicionais do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que mobilizou dous avións anfibios FOCA, unha brigada helitransportada e dous helicópteros bombardeiros. Estes efectivos traballan de forma coordinada co dispositivo autonómico xa despregado na zona, que inclúe técnicos, axentes, brigadas terrestres, motobombas, pas e medios aéreos.
Polo momento non se informou de núcleos de poboación en risco, aínda que a evolución do incendio dependerá de factores como o vento e o avance das lapas nas vindeiras horas. Os equipos de extinción seguen centrados en frear a propagación do lume e evitar que siga gañando terreo.
Lémbrase que calquera incendio forestal pode comunicarse a través do teléfono gratuíto 085, así como mediante a aplicación ALUME. Para denunciar de forma anónima posibles actividades delituosas relacionadas con incendios está dispoñible o teléfono 900 815 085.