Un incendio forestal permanece descontrolado en Quiroga tras calcinar máis de 20 hectáreas

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O lume iniciouse ás 15:25 horas na parroquia de Pacios da Serra e obrigou a mobilizar 3 técnicos, 12 axentes, 16 brigadas, 15 motobombas, 4 pas, 7 helicópteros e 9 avións
incendio-quiroga
16 Sep 2026

Un incendio forestal permanece activo e sen controlar este martes no municipio lucense de Quiroga, concretamente na parroquia de Pacios da Serra, tras calcinar máis de 20 hectáreas, segundo as primeiras estimacións da Consellería do Medio Rural.

O lume iniciouse ás 15:25 horas na zona de Malcatán, entre Campos de Vila e Penas Rubias, nunha zona arborada. As altas temperaturas e o forte vento rexistrado durante a tarde favoreceron a rápida propagación das lapas, malia ao amplo dispositivo de medios terrestres e aéreos despregado para tratar de contelas.

Polo momento, a Xunta mobilizou para os labores de extinción tres técnicos, doce axentes, dezaseis brigadas, quince motobombas, catro pas, dúas unidades técnicas de apoio, sete helicópteros e nove avións.

Ás 21:00 horas, a Xunta instalou un posto de mando avanzado na gasolineira de Quiroga desde o que se coordinan os numerosos equipos de extinción terrestres que se foron incorporando aos traballos. Ata este punto desprazouse tamén o alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, que durante a tarde acudira á zona do incendio acompañado polo concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias.

As primeiras estimacións realizadas pola Xunta arredor das nove da noite situaban a superficie afectada nunhas 20 hectáreas e sinalaban que o incendio continuaba avanzando sen control.

Polo momento, ningún núcleo de poboación se atopa en perigo, aínda que a situación dependerá da dirección e da velocidade que acaden as lapas. Os medios despregados continúan traballando para frear o avance do lume, condicionado tamén polo forte vento.

A Consellería do Medio Rural lembra que a cidadanía pode comunicar calquera incendio forestal a través do teléfono gratuíto 085. Tamén está dispoñible a aplicación ALume para avisar de incendios forestais activos en Galicia. Para denunciar de forma anónima e gratuíta posibles actividades delituosas relacionadas con incendios está habilitado o teléfono 900 815 085. A información actualizada sobre incendios forestais que superen as 20 hectáreas pode consultarse na conta de X @incendios085.

0.16358399391174