O grupo teatral Teatreiras leva a escena unha comedia sobre a Revolución Francesa en Monforte

O salón de actos da Casa da Cultura de Monforte será escenario, este sábado 28 de novembro ás 20.00 horas, dunha nova cita teatral incluída na programación cultural que o Concello de Monforte organizou para o último trimestre do ano. Nesta ocasión subirá ao escenario o grupo de teatro afeccionado local Teatreiras, que presentará a obra 'A revolución, 1789... ou por aí'. O acceso será libre e gratuíto.
A peza é unha adaptación libre dun guión de J.M. Ballesteros, e corre a cargo de Paqui Abeledo, responsable da organización, dirección e coordinación da montaxe. O elenco está composto por Pilar Cambón, Marisa Mira, Iago Fernández, Noelia Pastor, Rita Aira, Gloria Guerrero, Yolanda González, Enzo González, Rosa Vilariño, Carolina López, Delia Vila, Joakín Omar, Lois Arias, Salma Bizarro e Tai M. Gómez.
Esta representación enmárcase na programación escénica que impulsa o Concello de Monforte a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios de AGADIC, así como dos Circuítos de Teatro Profesional e Afeccionado da Deputación de Lugo. A través destes programas ponse á disposición dos veciños unha variada oferta de espectáculos durante os últimos meses do ano, combinando compañías profesionais con grupos afeccionados. En total, entre outubro e decembro desenvolveranse doce espectáculos teatrais no municipio.
En canto ao grupo Teatreiras, as súas orixes remóntanse ás actividades de tempo libre dirixidas a persoas maiores que organiza o Concello a través da área de Servizos Sociais. Cada ano preparan unha nova obra e, ademais, participan en representacións escolares, recitais de poesía, teatro de monicreques e sesións de contacontos, colaborando de maneira activa na vida cultural de Monforte e a súa contorna. Precisamente, o carácter interxeracional dos seus integrantes constitúe un dos trazos máis característicos do colectivo.