O Goberno declara zona afectada por emerxencia de protección civil ao incendio forestal de Quiroga

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O incendio forestal rexistrado no municipio, que acadou a situación operativa 2, inclúese entre os 45 episodios adversos recoñecidos polo Executivo central en nove comunidades autónomas
incendio-quiroga
Imaxe de arquivo
27 Oct 2026

O Consello de Ministros incluíu o incendio forestal rexistrado no concello luguês de Quiroga dentro da declaración de zonas afectadas gravemente por unha emerxencia de protección civil, aprobada este martes e que engloba un total de 45 episodios adversos acontecidos en nove comunidades autónomas entre o 13 de setembro e o 20 de outubro de 2026.

O lume en Quiroga produciuse durante a segunda quincena de setembro, un período no que se rexistraron varios incendios forestais que obrigaron a activar plans de emerxencia en distintos territorios. Segundo consta na listaxe oficial, a situación operativa 1 e/ou 2 para este episodio comunicouse ao Centro Nacional de Seguimento e Coordinación de Emerxencias (CENEM) o 16 de setembro. Este incendio acadou, xunto co rexistrado no municipio ourensán de Calvos de Randín, a situación operativa 2, nivel que implica unha maior gravidade dentro da escala dos plans autonómicos de protección civil.

A declaración aprobada polo Goberno habilita aos distintos departamentos ministeriais a pór en marcha liñas de axuda para compensar os prexuízos ocasionados a persoas e institucións por estes episodios. Estas axudas, xa vixentes ou que se acorden no futuro, aplicaranse aos ámbitos territoriais onde se producisen danos, aínda que a súa efectividade dependerá de que se acredite o prexuízo sufrido conforme aos procedementos establecidos en cada liña de apoio.

Entre as axudas dispoñibles, as persoas e entidades que poidan xustificar os danos sufridos poden solicitar xa á Secretaría Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior compensacións por danos persoais, materiais en vivenda e enseres, gastos de corporacións locais, prexuízos en establecementos industriais, mercantís e de servizos, así como por prestacións persoais ou de bens realizadas para facer fronte á emerxencia.

A estas medidas súmanse outras que corresponden a distintos ministerios: o Ministerio de Facenda poderá aplicar exencións no Imposto sobre Bens Inmobles e reducións no Imposto sobre Actividades Económicas, mentres que as axudas por danos persoais quedarán exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, tal e como é habitual neste tipo de declaracións. Así mesmo, os ministerios con competencias en emprego e Seguridade Social poderán establecer bonificacións ou exencións de cotas, e o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática poderá conceder axudas de ata o 50 por cento aos proxectos das entidades locais destinados a reparar infraestruturas e equipamentos municipais danados.

O Goberno sinalou que, cando dispoña dunha avaliación máis completa dos danos ocasionados polo conxunto de episodios recollidos no acordo, elaborada en colaboración coas administracións autonómicas e locais afectadas, poderá complementar esta declaración con medidas adicionais orientadas a facilitar a recuperación e o retorno á normalidade nos territorios prexudicados.

0.26735305786133