O Goberno autoriza unha nova modificación das obras da A-54 e amplía o investimento na futura estación de Lugo

O Consello de Ministros deu este luns luz verde a unha nova modificación do contrato das obras da autovía A-54, infraestrutura chamada a conectar Santiago de Compostela e Lugo e que acumula importantes demoras desde o inicio da súa execución. A actuación aprobada supón un incremento de 242.722 euros para os traballos correspondentes aos enlaces de Palas de Rei e Melide Sur.
A decisión chega mentres continúa pendente a apertura do último tramo da autovía, entre Melide e Arzúa. A comezos deste ano, o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, avanzara que a conexión completa estaría operativa antes de rematar 2025, aínda que polo momento a inauguración dese sector segue sen producirse.
A A-54 é unha das infraestruturas viarias máis demoradas de Galicia. O primeiro tramo, entre Santiago e Lavacolla, entrou en servizo en 1999, malia que a previsión inicial situaba a finalización de toda a autovía arredor do ano 2010.
Na mesma reunión, o Executivo estatal aprobou tamén unha modificación do contrato para a construción da nova estación ferroviaria de Lugo. A medida permitirá incorporar 3,6 millóns de euros adicionais ao proxecto que executa a empresa San José.
OUTRAS VÍAS
Entre os acordos adoptados figura igualmente a contratación dun servizo de asistencia técnica destinado ao control e seguimento de obras nas demarcacións de estradas do Estado en Galicia, Madrid, A Rioxa e Andalucía Oriental. O contrato, dividido en catro lotes, conta cun orzamento global de 17,5 millóns de euros.
O Consello de Ministros autorizou ademais un convenio de colaboración entre os ministerios de Defensa e Educación e a Xunta de Galicia para impartir ciclos de Formación Profesional en centros docentes militares situados na comunidade.
Por outra banda, aprobouse a declaración de urxente ocupación dos terreos, bens e dereitos afectados polo proxecto de ampliación dun sendeiro fluvial na marxe esquerda do río Asma, no concello lucense de Chantada, co obxectivo de facilitar a execución desta actuación.