O Folión de Carros volve encher Chantada de tradición con 13 carros e milleiros de espectadores

Chantada volveu converterse este sábado nun gran escaparate das súas tradicións coa celebración do Folión de Carros, un dos actos centrais das festas patronais na honra da Virxe do Carme. A cita reuniu milleiros de persoas nas rúas da vila para asistir ao desfile dos 13 carros participantes, todos eles tirados por unha xugada de vacas ou bois.
A xornada comezou pola tarde coa exposición dos carros na avenida de Ourense e coa celebración da X Foliada Carroceira do Folión de Carros, na que participaron a Agrupación Tradicional da Casa da Música de Chantada, Os Barrios, Searas, Dakidoasma e a Banda de Gaitas de Chantada.
Foi precisamente a Banda de Gaitas de Chantada a encargada de abrir o desfile, que comezou ás 23.00 horas e percorreu a rúa Mariano Cedrón e a avenida de Monforte ata rematar na praza de Galicia, onde se celebrou o pregón das festas.
Xosé Miranda Ruíz reivindica a unión entre o traballo e a festa
O pregón correu a cargo do escritor e biólogo Xosé Miranda Ruíz, que tamén foi profesor e director do IES Lama das Quendas durante a súa etapa en Chantada.
Miranda Ruíz mantén unha estreita relación coa vila, onde viviu entre 1983 e 1991. Durante o seu pregón lembrou esa etapa e explicou que, aínda que non é chantadino de nacemento, si o é por elección, xa que foi nesta localidade onde viviu, casou, exerceu como profesor e director do instituto, foi concelleiro e naceu a súa filla.
O escritor aproveitou o pregón para repasar a tradición vitícola de Chantada e reflexionar sobre a relación entre o traballo e as celebracións. 'A festa e o traballo son indisolubles', sinalou, antes de defender que as festas serven para compensar o esforzo e a dedicación do día a día.
Nese contexto, destacou especialmente o Folión de Carros, que considera unha celebración singular precisamente porque consegue unir os dous conceptos. 'Alía traballos e festa', afirmou.
Durante a súa intervención tamén afondou na orixe das palabras 'carro' e 'folión' e lembrou versos e obras de autores galegos como Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Cuña Novás, Ramón Cabanillas e Otero Espasandín.
O pregoeiro tamén tivo palabras para a tradicional Festa da Empanada, que se celebrará este martes 25 de agosto, día festivo local en Chantada.
O millo, primeiro premio do Folión de Carros
Os 13 carros participantes representaron diferentes motivos relacionados coa tradición e a historia de Chantada. O desfile desenvolveuse sen incidencias e baixo unhas condicións meteorolóxicas favorables.
O xurado, dividido en diferentes grupos para valorar o Folión, as vacas e os textos explicativos dos carros, estableceu a seguinte clasificación:
- O millo, máis ca un cultivo, carro número 5
- Oficio inédito. Os irmáns espantallo, carro número 12
- Unha ventá ao mundo nos Catro Camiños, carro número 8
- Círculo Recreativo Cultural, carro número 6
- A casa do Macario, carro número 11
- Os esgrafiados da Ribeira Sacra, carro número 9
- O pasado mineiro escondido no Monte Faro, carro número 4
- A malla do trigo, carro número 3
- Da terra á cunca, carro número 7
- Co Arrojo chegou a televisión a Chantada, carro número 1
- Ribeira O Meixolo, carro número 2
- La cigüeña los trae, Merceditas los viste, carro número 13
- No San Xoán... habelas, hainas, carro número 10
Dentro da clasificación específica de carros tradicionais, o primeiro premio foi para Da terra á cunca, seguido de La cigüeña los trae, Merceditas los viste e No San Xoán... habelas, hainas.
O resto de recoñecementos da edición foron para Unha ventá ao mundo nos Catro Camiños, polo mellor texto explicativo; Oficio inédito. Os irmáns espantallo, polo mellor trato animal; A malla do trigo, pola mellor xugada; Círculo Recreativo Cultural, polo mellor manexador ou manexadora; Ribeira O Meixolo, pola mellor vaca ou boi individual, e Co Arrojo chegou a televisión a Chantada, como mellor xugada de 2026.
Unha tradición que continúa reunindo ás novas xeracións
Antes da entrega dos premios, o Concello realizou un recoñecemento ao pregoeiro e tamén ao grupo de gaitas Os Barrios de Chantada, que celebrou o seu 120 aniversario.
O Folión rematou arredor da 1.30 horas, dando paso á actuación da orquestra Tango e poñendo o punto final a unha noite na que a tradición volveu ocupar as rúas de Chantada.
A celebración, organizada pola Asociación Amigos do Folión, mantén así unha tradición que combina representacións, música, animais e participación veciñal e que cada ano consegue atraer milleiros de persoas á vila.