O Fiadeiro xuntará este fin de semana en Ribas de Sil a unha vintena de iniciativas do Courel e a Ribeira Sacra

San Clodio, no Concello de Ribas de Sil, acollerá este fin de semana un encontro que pretende tender pontes entre os distintos proxectos que manteñen viva a actividade económica do Courel e a Ribeira Sacra. Baixo o nome de ‘O Fiadeiro. Territorios que conectan’, a cooperativa Aventeira organizou dúas xornadas de traballo no Xeocámping Montañas do Courel, nas que participará unha vintena de empresas, cooperativas, autónomos e entidades vinculadas ao territorio, entre elas o GDR Ribeira Sacra-Courel e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.
O encontro arrincará o sábado 21 de novembro ás 10.30 horas cun acto de inauguración no que tomará parte o alcalde de Ribas de Sil. A primeira parte da mañá estará dedicada a dúas intervencións: unha a cargo de Lucía Pardal, do HUB de Emprendemento e Innovación do Xeoparque Montañas do Courel, centrada nas oportunidades que ofrece o xeoparque para emprender, e outra sobre o papel da economía social e solidaria no desenvolvemento do medio rural, ilustrada con exemplos concretos.
Ao mediodía, arredor das 12.00 horas, está previsto un quenda de presentacións na que cada unha das iniciativas participantes explicará brevemente a súa actividade e as súas necesidades, co obxectivo de detectar posibles sinerxias. Esa información servirá á organización para programar, durante a tarde, encontros específicos entre aqueles proxectos que compartan intereses ou poidan colaborar entre si.
A segunda xornada, o domingo 22, centrarase nos retos que os propios participantes trasladaron á organización ao se inscribiren no encontro. O programa contempla dúas mesas de traballo simultáneas: unha sobre a viabilidade económica dos proxectos e o impulso dun turismo responsable na zona, e outra sobre como reforzar a colaboración entre entidades e dar maior proxección tanto ás iniciativas como ao territorio. A continuación, o GDR Ribeira Sacra-Courel informará sobre as axudas e recursos dispoñibles para pór en marcha ou consolidar proxectos na comarca. O peche, previsto para as 14.00 horas, servirá para recoller as principais conclusións de ambas as xornadas.
O coordinador de Aventeira, Aitor Novo, valorou positivamente a resposta obtida: “Que máis de vinte iniciativas reserven un fin de semana de novembro para vir ao Courel xa di moito das ganas que hai de traballar xuntas. Agora tócanos que esas conversas teñan continuidade”.
Na organización do encontro colaboran tamén o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a unión de cooperativas EspazoCoop. A iniciativa está financiada pola Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), no seu papel de organismo intermedio do Programa de Emprego, Educación, Formación e Economía Social (EFESO), cofinanciado polo FSE+.