O Fiadeiro reúne en Ribas de Sil proxectos de turismo e desenvolvemento rural o 21 e 22 de novembro

O Xeocamping Montañas do Courel acollerá os próximos días 21 e 22 de novembro unha nova edición de ‘O Fiadeiro’, baixo o lema ‘Territorios que conectan’.
Trátase dun espazo de encontro pensado para que distintas iniciativas vinculadas ao medio rural poidan compartir experiencias e dar a coñecer os seus proxectos. O obxectivo é que quen traballa en ámbitos como o turismo, o patrimonio cultural e natural ou o desenvolvemento económico do territorio poida coñecerse, intercambiar impresións e explorar posibles colaboracións futuras.
A organización destacou que a xornada está dirixida especialmente á veciñanza e ás persoas emprendedoras da zona, a quen se anima a sumarse a esta cita. A participación no encontro é gratuíta e inclúe a manutención, cos xantares e os cafés cubertos durante as dúas xornadas.
As persoas interesadas en asistir dispoñen de prazo para se inscribir ata o 16 de novembro.