O Fancine de Lemos regresa cunha XII edición dedicada a 'Scanners' e ao cinema fantástico

RibeiraSacraXa
O festival celebrarase do 23 ao 26 de xullo cunha programación que combinará proxeccións, competicións de curtametraxes, mesas redondas e unha exposición inspirada no tarot e o bestiario medieval
-FanCine-de-Lemos-curtas-(1)
21 Jul 2026

O Fancine de Lemos volverá converter Monforte de Lemos nun punto de encontro para os afeccionados ao cinema fantástico, de terror e ciencia ficción coa celebración da súa duodécima edición entre os días 23 e 26 de xullo. O certame manterá a súa aposta por unha programación que combinará proxeccións cinematográficas con actividades paralelas e espazos de encontro arredor da creación audiovisual.

Nesta edición, o festival rende tributo a 'Scanners' (1981), a recoñecida película de David Cronenberg, coincidindo co 45º aniversario da súa estrea. A influencia do filme tamén está presente na identidade visual do evento, cun cartel que recupera a estética cyberpunk e underground da obra. Nel, a mascota do festival, Fancinito, aparece reinterpretada nun universo inspirado na imaxe orixinal da película, converténdose no emblema dunha edición centrada no horror corporal e na ciencia ficción.

Durante os catro días de programación, o Ateneo Casino e os Multicines Hollywood acollerán unha selección internacional de producións audiovisuais. Ademais das longametraxes fóra de concurso, o festival volverá contar coas súas consolidadas seccións competitivas de curtametraxes, nas que participarán obras nacionais e internacionais realizadas entre 2025 e 2026.

As pezas seleccionadas competirán polos principais galardóns do certame: o premio á Mellor Curtametraxe Nacional, decidido por un xurado profesional; a Mellor Curtametraxe Internacional, escollida pola comisión especializada; o Premio Especial do Público, determinado polas votacións dos asistentes ás proxeccións; e o Premio Algueira á Mellor Curtametraxe Galega, co que o festival continúa apoiando e visibilizando a creación audiovisual realizada en Galicia.

A programación completarase con diferentes actividades paralelas. Entre elas figura a proxección especial de Scanners, prevista para o xoves 23 de xullo nos Multicines Hollywood, así como varias mesas redondas arredor do cinema fantástico.

O Ateneo Casino acollerá tamén durante toda a celebración do festival a exposición Arcana, unha proposta que establece un diálogo entre os Arcanos Maiores do tarot e o imaxinario do bestiario medieval. A mostra utiliza o tarot como fío condutor para relacionar tradición e contemporaneidade, ofrecendo aos visitantes unha nova lectura destes símbolos.

Con esta nova edición, o Fancine de Lemos reforza a súa posición como un dos festivais de referencia do cinema fantástico en Galicia, mantendo a súa aposta por difundir propostas innovadoras e por ofrecer un espazo dedicado a obras e narrativas que adoitan quedar fóra dos circuítos comerciais.

PROGRAMA COMPLETO DO FAANCINE DE LEMOS 2026

0.12913513183594