O Faladoiro de Quiroga achegou á veciñanza o labor dos servizos de emerxencias sanitarias

O Faladoiro deste mes do Concello de Quiroga centrouse no ámbito das emerxencias sanitarias, cunha sesión na que participou Xosé Ferrín, técnico de emerxencias sanitarias con ampla experiencia profesional.
Ferrín, natural de Carballo de Hospital, desenvolve o seu labor desde o ano 1998. Comezou traballando na comarca de Quiroga e actualmente presta servizo na comarca de Lemos. Durante a súa intervención explicou a importancia do traballo dos equipos de emerxencias á hora de salvar vidas, así como algúns dos principais procedementos que se levan a cabo en situacións de urxencia.
O profesional tamén destacou os cambios introducidos polas novas tecnoloxías neste ámbito, que permiten mellorar a rapidez de resposta tanto no momento da chamada aos servizos de emerxencia como na chegada dos equipos aos puntos onde son requiridos.
Ao longo da sesión, Ferrín compartiu ademais consellos prácticos que poden ser de utilidade en situacións críticas e relatou algunhas anécdotas da súa traxectoria, que supera xa as dúas décadas e media de servizo.
O Faladoiro é unha actividade promovida polo Concello de Quiroga a través da Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá. Está moderado polo concelleiro Xosé Manuel Fernández e celébrase o último mércores de cada mes ás 18:00 horas no Centro Social. Trátase dun espazo aberto á veciñanza que busca fomentar a socialización, o intercambio de experiencias e a participación cidadá mediante encontros con persoas convidadas de diferentes ámbitos.