O Faladoiro de novembro en Quiroga abordará a violencia machista coincidindo co 25N

RibeiraSacraXa
O encontro, titulado '25 N, por que?', celebrarase o mércores 25 de novembro, ás 18.00 horas, na biblioteca do Centro Social, coa participación de Marisa Castro, avogada e directora do CIM de Quiroga
quiroga-casa-concello
21 Nov 2026

O próximo mércores 25 de novembro, ás 18.00 horas, a biblioteca do Centro Social acollerá un novo Faladoiro baixo o título '25 N, por que?', unha actividade que se enmarca na programación con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista.

A proposta está organizada conxuntamente pola Concellería de Servizos Sociais e a Concellería de Educación e Igualdade e contará coa participación de Marisa Castro, avogada e directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Quiroga, como persoa convidada.

O coloquio estará moderado por Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Servizos Sociais e Participación Cidadá, e Mayte Pérez Grao, concelleira de Educación e Igualdade.

Durante o encontro abordarase o significado da violencia machista e analizaranse as diferenzas entre este tipo de violencia e outras formas de violencia. Tamén se tratarán as distintas maneiras nas que se pode manifestar e desmontaranse falsas crenzas arredor desta problemática.

A actividade busca, ademais, reflexionar sobre o papel da sociedade ante unha realidade que afecta a un gran número de mulleres e sobre a necesidade de conmemorar datas como o 25 de novembro.

O Faladoiro é un espazo aberto á veciñanza que pretende fomentar a socialización, o coñecemento e a participación cidadá. Tras unha breve presentación da persoa convidada, os asistentes poderán intervir formulando preguntas ou compartindo as súas propias experiencias.

0.13936400413513