O Encontro de Sober pon en valor o potencial do rural galego e a conexión entre industria, innovación e territorio

RibeiraSacraXa
A cita consolídase como espazo de reflexión e diálogo entre empresa, universidade e territorio co obxectivo de fortalecer o tecido produtivo e impulsar novas alianzas arredor do futuro do rural galego
encontro-de-sober-2026
7 May 2026

“O rural non é un problema que haxa que resolver, senón unha oportunidade que hai que activar”. Con esta mensaxe, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reivindicou hoxe o papel estratéxico do rural como motor de desenvolvemento económico, social e territorial durante a inauguración de “O Encontro de Sober. Diálogos rural-industria”, un foro que reúne a representantes institucionais, empresariais e académicos para analizar os retos e oportunidades do territorio.

Na súa intervención, Menor destacou que este encontro “pon en valor algo esencial para Galicia: a capacidade de conectar o rural coa industria, a tradición coa innovación e o arraigo co futuro”. Ademais, situou a provincia de Ourense como exemplo dun modelo baseado na fortaleza do sector primario, a industria agroalimentaria, o turismo sostible e a innovación vinculada aos recursos naturais, “elementos que forman parte dun mesmo ecosistema que precisa máis cooperación e visión compartida”.

O presidente provincial fixo tamén referencia á “oportunidade histórica” que supón a posible declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. “Non é só un recoñecemento ao seu valor paisaxístico, cultural e patrimonial, senón unha oportunidade para demostrar que o rural pode ser excelencia, marca internacional e motor de desenvolvemento sostible”, afirmou. Ao mesmo tempo, advertiu de que este recoñecemento “tamén nos obriga a estar á altura, a protexer o que somos e a xestionar ese crecemento con responsabilidade”.

Menor incidiu tamén no papel das administracións públicas no acompañamento ao desenvolvemento do territorio, definindo a cooperación municipal como “a columna vertebral” da acción da Deputación. “O futuro de Galicia pasa por un rural con oportunidades reais, digno e dinámico”, asegurou.

No encontro participou tamén a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen defendeu que “o rural galego está cheo de oportunidades e vive un momento de evolución e avance”. A titular de Medio Rural destacou que Galicia conta cun sector agroalimentario “forte, competitivo e cada vez máis profesionalizado”, lembrando que a comunidade lidera a produción de leite en España e conta con sectores, como o viño, que compiten nos mercados internacionais “en base á calidade e á diferenciación”.

Gómez sinalou que o novo modelo económico do rural galego “que estamos construíndo” pasa por integrar toda a cadea de valor, desde a produción ata a transformación, comercialización e distribución. Neste sentido, puxo en valor o papel dos consellos reguladores e lembrou que a produción certificada galega acadou o pasado ano os 746 millóns de euros, un 5,6 % máis que en 2024.

A conselleira fixo tamén unha chamada a seguir construíndo o rural “sumando empresa, administración, universidade e coñecemento e sector primario”, destacando que encontros como o de Sober permiten reunir a todos estes actores nun mesmo espazo para avanzar en propostas conxuntas.

Durante a súa intervención, María José Gómez destacou ademais as oportunidades da mocidade para emprender e permanecer no rural, apostando pola remuda xeracional “como panca de transformación e de proxección de futuro para o rural galego”. Neste contexto, puxo en valor as axudas para favorecer a incorporación de mozos ao agro e os plans de mellora asociados, dotados este ano con 53 millóns de euros.

“O Encontro de Sober”, impulsado por CESUGA, consolídase así como un espazo de reflexión e diálogo entre empresa, universidade e territorio co obxectivo de fortalecer o tecido produtivo e impulsar novas alianzas arredor do futuro do rural galego.

0.086815118789673