O Concello de Taboada renova o alumeado da Medela e da praza de Muñelos con farolas solares

RibeiraSacraXa
A actuación, financiada con fondos Next Generation a través do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, permitirá mellorar a eficiencia enerxética e continuar coa posta en valor destes espazos públicos
Casa-do-Concello-de-Taboada
17 Jul 2026

O Concello de Taboada renovou o alumeado da área recreativa da Medela e da praza de Muñelos coa instalación de novas farolas solares, unha actuación enmarcada nun plan de mellora da eficiencia enerxética no alumeado exterior e na vía pública.

O proxecto execútase ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU, do que resultou beneficiario o Ribeira Sacra Consorcio de Turismo.

A intervención consistiu na substitución das antigas luminarias por farolas solares, modernas e autorregulables, que permitirán reducir o consumo enerxético e o gasto asociado ao alumeado público, ao tempo que contribúen á mellora destes espazos de uso veciñal.

O alcalde, Roi Rigueira, destacou que a actuación permite avanzar na renovación dos espazos públicos do municipio e mostrou a súa satisfacción polo resultado da intervención, especialmente na praza de Muñelos.

Segundo explicou, esta mellora complétase con outros proxectos previstos para esta zona, como a rehabilitación da antiga Cámara Agraria, pequenas actuacións na propia praza, a renovación integral dos accesos ao centro de saúde con cargo ao Plan Deputación 2026 e o futuro arranxo da estrada LU-611.

0.145183801651