O Concello de Taboada dá un paso decisivo para a execución do futuro Paseo da Medela coa adquisición dos terreos

RibeiraSacraXa
O trámite permitirá iniciar o proceso de licitación dunha obra largamente demandada e que se prevé que estea finalizada antes de que remate o ano
compra-terreos-a-medela-taboada
24 Apr 2026

O Concello de Taboada deu un paso decisivo para a execución do futuro Paseo da Medela tras completar a adquisición dos terreos necesarios, un trámite clave que permitirá iniciar o proceso de licitación dunha obra largamente demandada e que se prevé que estea finalizada antes de que remate o ano.

A operación foi formalizada nun acto de sinatura ante notario celebrado o pasado 23 de abril na Casa do Concello. Segundo explicou o tenente de alcalde, José Portela, os terreos foron obtidos mediante compra e permuta con 18 propietarios, evitando así recorrer á expropiación. O responsable municipal destacou o labor de negociación desenvolto nos últimos meses, que fixo posible pechar un acordo considerado fundamental para avanzar no proxecto.

A actuación conta cun financiamento de 318.000 euros achegados pola Deputación de Lugo a través dun convenio de colaboración, que tamén inclúe outras intervencións no campo de fútbol e na piscina municipal. Segundo as previsións do goberno local, as obras deberán estar executadas antes do mes de outubro.

Portela agradeceu a implicación dos propietarios e sinalou que “xestos como os seus demostran o seu compromiso co benestar e o futuro do noso pobo”. Engadiu ademais que “despois dun cuarto de século desde que se iniciaron os trámites e de anos de estancamento do proxecto, este ano agardamos poder executar a obra, desfrutar deste paseo e que se convirta nun espazo de desfrute e relación veciñal”.

Desde a Tenencia de Alcaldía destacan que se trata dun proxecto complexo, impulsado practicamente na súa totalidade durante o actual mandato, no que foi necesario retomar a adquisición de terreos, regularizar permutas anteriores e resolver deficiencias acumuladas ao longo do tempo, ademais de encargar a redacción do proxecto e xestionar a súa financiación.

O Paseo da Medela configurarase como unha senda peonil e ciclista de 1,25 quilómetros de lonxitude e dous metros de ancho, equipada con iluminación, bancos e zonas de descanso, e restrinxida ao tráfico de vehículos a motor. Tamén incluirá dous cruces sobre a estrada con pasos de peóns e medidas de redución de velocidade.

A nova infraestrutura permitirá conectar de forma segura o núcleo urbano de Taboada, desde a rúa das Ínsuas, coa área recreativa da Medela, nun itinerario moi utilizado pola veciñanza, especialmente durante o verán, e que ata o momento presentaba deficiencias de seguridade que se pretenden corrixir con esta actuación.

0.12888503074646