O Concello de Parada de Sil rehabiltará unha vivenda para alugueiro accesible grazas a unha achega de 90.000 euros

RibeiraSacraXa
O inmoble, situado na Hedrada, contará con tres dormitorios e será rehabilitado grazas a un préstamo sen xuros do Fondo de Cooperación destinado a concellos de menos de 50.000 habitantes
xunta-parada-de-sil-vivenda
7 Jul 2026

A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Parada de Sil na rehabilitación dunha edificación situada no núcleo da Hedrada para destinala a vivenda en alugueiro accesible. A actuación será financiada mediante un préstamo sen xuros de 90.000 euros procedente do Fondo de Cooperación para rehabilitación de patrimonio construído, unha liña dirixida aos municipios de menos de 50.000 habitantes.

O acordo foi formalizado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez.

O obxectivo desta actuación é recuperar un inmoble para ampliar a oferta pública de vivenda no municipio, favorecendo o acceso ao alugueiro accesible, contribuíndo á fixación de poboación e á posta en valor do núcleo da Hedrada.

As obras permitirán habilitar unha vivenda distribuída en planta baixa e un piso, con tres dormitorios. O proxecto contempla a integración da edificación na súa contorna, conservando a fachada de pedra de granito, realizando a limpeza da pedra existente, instalando carpintería exterior de cor branca e renovando a cuberta con lousa.

O financiamento forma parte do Fondo de Cooperación da Xunta para a rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. A convocatoria actual conta cunha dotación superior aos tres millóns de euros e ofrece préstamos sen xuros, que os concellos poden devolver nun prazo máximo de oito anos.

0.10288596153259