O Concello de Parada de Sil convoca axudas de ata 1.500 euros por nacemento, adopción ou acollemento

O Concello de Parada de Sil fixo público o extracto das bases reguladoras e a convocatoria para 2026 das súas axudas destinadas a fomentar a natalidade, así como a apoiar procesos de adopción ou acollemento no municipio. A publicación realízase en cumprimento da Lei Xeral de Subvencións, e o texto completo da convocatoria, identificada co número 924607 na Base de Datos Nacional de Subvencións, pode consultarse no portal estatal de subvencións.
Estas axudas concédense mediante un procedemento de concorrencia non competitiva e están dirixidas aos nacementos, adopcións ou acollementos de menores de entre 0 e 3 anos que se producisen a partir do 1 de xaneiro de 2026.
Quen pode solicitalas
Poden acollerse a esta liña de apoio tanto a persoa proxenitora dun menor nado, adoptado ou acollido desde comezos de 2026, como a persoa que asuma a titoría dun menor, sempre que devandita titoría se constituíse tamén a partir desa data.
En calquera dos supostos, a persoa solicitante debe cumprir varios requisitos: figurar empadroada de forma ininterrompida en Parada de Sil polo menos un ano antes do nacemento, a adopción ou o acollemento; que o menor conste inscrito no padrón municipal no momento de presentar a solicitude; comprometerse a manter ese empadroamento, tanto o propio como o do menor, durante os dous anos seguintes á concesión; e estar ao corrente das obrigas fiscais e tributarias co Concello, coa Axencia Tributaria estatal e coa Seguridade Social. Cada menor dá dereito a unha única axuda.
Contía e gastos que cobre
A axuda ascende a 1.500 euros por cada menor nado, adoptado, acollido ou suxeito a titoría. No caso de partos múltiples, o importe concédese de forma individual por cada un dos menores.
O diñeiro está pensado para cubrir gastos relacionados co coidado e o benestar do menor, como alimentación infantil, leite, cueiros, roupa, calzado, berces, carriños e outros artigos de puericultura, así como medicamentos ou produtos sanitarios non cubertos pola Seguridade Social, entre outros gastos xustificados como necesarios. Estes gastos deben realizarse con posterioridade ao nacemento, a adopción, a titoría ou o acollemento.
Prazos de solicitude
Os prazos varían segundo a situación de cada solicitante. Quen xa fose beneficiario en convocatorias anteriores deberá presentar a solicitude de pagamento correspondente á anualidade 2026 desde o día seguinte á publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e ata o 30 de setembro de 2026.
Se o nacemento, a adopción, a titoría ou o acollemento se produce entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2026, o prazo para solicitar a axuda estenderase desde o día seguinte á publicación das bases ata o 15 de decembro de 2026. Pola contra, se o feito causante ten lugar entre o 1 e o 31 de decembro de 2026, o prazo prolongarase ata o 15 de xaneiro de 2027.
Como e onde solicitala
Todas as solicitudes deben tramitarse de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Parada de Sil, mediante o trámite de instancia xeral habilitado para tal fin, para o que é necesario dispor dun certificado electrónico recoñecido ou cualificado. Non se admitirá ningunha solicitude presentada por unha vía distinta á electrónica.
Quen xa percibiu esta axuda en convocatorias pasadas debe achegar unicamente a solicitude de pagamento da anualidade 2026 xunto coa certificación de estar ao corrente das súas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria e coa Seguridade Social. Para as novas solicitudes, a documentación esixida inclúe copia do DNI, NIE ou pasaporte da persoa solicitante; certificado de empadroamento, salvo que se autorice a súa consulta de oficio; certificación literal de inscrición de nacemento do Rexistro Civil; e, se é o caso, copia da resolución xudicial ou administrativa de adopción, titoría ou acollemento, xunto coa certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias municipais, estatais e coa Seguridade Social. O propio Concello comprobará de oficio o cumprimento das obrigas tributarias municipais.
O texto completo das bases reguladoras e da convocatoria para 2026 está dispoñible na sede electrónica do Concello de Parada de Sil.