O Concello de Monforte súmase á campaña internacional “Quere o teu mercado”

RibeiraSacraXa
A iniciativa, orientada a impulsar a actividade das prazas de abastos e a reforzar o comercio de proximidade, desenvolverase este sábado na Praza de Abastos de Monforte
praza-de-abastos-de-monforte-de-lemos
29 May 2026

O Concello de Monforte de Lemos participa un ano máis na campaña internacional “Quere o teu mercado”, unha iniciativa dirixida a dinamizar as prazas de abastos e apoiar o comercio de proximidade.

A xornada celebrarase mañá sábado, 30 de maio, na Praza de Abastos de Monforte, entre as 12.00 e as 13.00 horas. Durante ese tempo, as persoas asistentes poderán gozar de degustacións gratuítas de produtos gastronómicos e recibirán distintos agasallos, entre eles bolsas de tea da campaña e outros materiais promocionais impulsados pola Dirección Xeral de Comercio.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anima á veciñanza a achegarse á praza para coñecer a calidade dos produtos que ofrecen os praceiros e praceiras e subliña que o goberno local leva anos impulsando as compras no comercio de proximidade, especialmente na Praza de Abastos da cidade.

Desde o Concello destácase que esta iniciativa reforza o compromiso co pequeno comercio local, fomentando as compras de proximidade e poñendo en valor os produtos do mercado, caracterizados por canles curtas de comercialización que contribúen a garantir a calidade dos alimentos.

A Praza de Abastos de Monforte preséntase ademais como un espazo que combina tradición e modernidade, onde o labor dos profesionais do mercado contribúe a ofrecer un servizo de calidade á cidadanía.

CARTEL QUERE O TEU MERCADO 26_page-0001 (1)
0.12059783935547