O Concello de Monforte reparte 8.000 euros entre catro entidades para impulsar proxectos sociais

RibeiraSacraXa
Agora, Afamon, Auxilia e Albores recibirán 2.000 euros cada unha para desenvolver programas de inclusión, autonomía persoal e atención sociosanitaria
casa-concello-monforte
24 Aug 2026

O Concello de Monforte concederá un total de 8.000 euros a catro entidades sen ánimo de lucro para apoiar o desenvolvemento de diferentes proxectos no ámbito dos servizos sociais e da inclusión social durante este ano. A Xunta de Goberno Local aprobou este luns, 24 de agosto, a resolución da convocatoria de axudas correspondente a 2026.

As catro entidades que presentaron solicitude recibirán o importe máximo previsto, de 2.000 euros por beneficiaria. Trátase da Asociación Agora para persoas con discapacidade, Afamon, Auxilia e Asociación Albores, todas elas inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.

A axuda concedida a Agora estará destinada ao proxecto CreARTE, mentres que a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer Afamon empregará os fondos no seu programa de estimulación cognitiva a través das novas tecnoloxías.

No caso de Auxilia, a subvención permitirá apoiar actuacións orientadas á promoción da autonomía persoal das persoas con discapacidade e enfermos crónicos. Pola súa banda, Albores destinará os 2.000 euros ao programa sociosanitario en saúde mental “Promoción da saúde e da participación comunitaria 2026”.

O alcalde, José Tomé Roca, sinala que estas axudas pretenden “facilitar a estas entidades recursos para a inclusión social, para garantir a autonomía persoal e para brindar oportunidades sociais e educativas, así como axudar a previr a dependencia, desigualdade ou desprotección nas persoas máis vulnerables”.

A convocatoria municipal busca apoiar proxectos complementarios aos servizos sociais comunitarios desenvolvidos por entidades de iniciativa social. Para a concesión das subvencións téñense en conta aspectos como o interese social das propostas, a súa calidade e carácter innovador e a súa articulación coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.

A partida global prevista polo Concello para esta liña de axudas ascende a 12.000 euros e corresponde a actividades realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2026. A convocatoria establece unha contía máxima de 2.000 euros por subvención e, con carácter xeral, a achega municipal non pode superar o 75 % do orzamento de cada proxecto ou actividade.

0.1225221157074