O Concello de Monforte renova a sinalización horizontal en máis de 70 rúas da cidade

RibeiraSacraXa
O contrato, adxudicado por 39.849,10 euros, terá un prazo de execución de 45 días e inclúe traballos de pintado en 74 vías e espazos urbanos
tome-renovaciion-sinalizacion-horizontal-monforte
29 Jun 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, deu conta da adxudicación dos traballos de renovación da sinalización viaria horizontal en máis de 70 rúas da cidade, por un importe de 39.849,10 euros. A actuación foi aprobada este luns na Xunta de Goberno Local e conta cun prazo de execución de 45 días desde a firma da acta de inicio.

Segundo explicou o rexedor, esta intervención ten como obxectivo reforzar a seguridade de peóns e vehículos, así como mellorar de forma continua as infraestruturas viarias do municipio.

O contrato foi adxudicado á empresa Barreras de Seguridad SL e contempla actuacións en 74 rúas e espazos da cidade. Os traballos inclúen o pintado de pasos de peóns, isletas, liñas de detección, reservas de usuarios e de carga e descarga, así como marcas viarias de regulación do tráfico como sinais de dirección, stop, ceda o paso, liñas continuas e descontinuas ou liñas amarelas.

Entre as vías incluídas na intervención figuran, entre outras, Valle de Lemos, Eduardo Blanco Amor, Río Seco, Juan Montes, Pardo Bazán, Ramón y Cajal, Concepción Arenal, Malecón, Avenida de Galicia, Roberto Baamonde, Cardenal, Compañía ou Paseo de Lugo, ademais doutras rúas e espazos repartidos polo conxunto da cidade.

En canto á organización dos traballos, establécese que nas zonas do centro urbano e nas vías de maior tránsito a renovación da pintura se realizará evitando os horarios de maior afluencia de tráfico, preferentemente en horario de tarde ou nocturno, sempre que sexa compatible coa normativa de ruídos.

Pola súa banda, nas zonas periféricas e nas vías de carácter residencial, os traballos poderán executarse en calquera horario. En todo caso, a empresa adxudicataria deberá seguir as indicacións da Policía Local para garantir a fluidez do tráfico durante a execución das actuacións.

0.13487195968628