O Concello de Monforte realizará a limpeza de vexetación na Ponte Medieval este luns

RibeiraSacraXa
A actuación, que será executada pola Brigada Municipal de Parques e Xardíns, obrigará ao peche total ao tráfico de vehículos e peóns durante a mañá
limpeza-na-Ponte-Vella-de-Monforte
31 May 2026

O Concello de Monforte de Lemos levará a cabo este luns, 1 de xuño, traballos de limpeza de vexetación na Ponte Medieval, unha intervención que se vén realizando de forma periódica nos últimos anos.

A actuación consistirá na retirada da maleza e das herbas acumuladas nos últimos meses co obxectivo de mellorar o estado de conservación e poñer en valor o monumento. Os traballos serán executados pola Brigada Municipal de Parques e Xardíns.

Debido á intervención, a Ponte Medieval permanecerá pechada ao tráfico de vehículos e peóns desde as 8.00 horas da mañá ata a finalización dos traballos. No caso dos peóns, o peche afectará unicamente ao paso pola propia ponte, habilitándose como rutas alternativas a pasarela de madeira e a Ponte Nova.

En canto ao tráfico rodado, estableceranse desvíos alternativos nas principais vías de acceso. Os vehículos procedentes do Campo de San Antonio deberán desviarse á altura da rúa Méndez Casal, continuando por Abeledos e a Ronda María Emilia Casas Baamonde. Pola súa parte, o tráfico procedente de Santa Clara en dirección ao centro urbano será desviado pola rúa Corredoira, mentres que o movemento en sentido contrario deberá seguir tamén cara á Ronda María Emilia Casas Baamonde.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou que o mantemento da Ponte Medieval como Ben de Interese Cultural forma parte das actuacións prioritarias do goberno municipal desde 2015, e subliñou a importancia de conservar o monumento nas mellores condicións posibles.

0.11870813369751