O Concello de Monforte presenta o proxecto de ampliación do Polígono do Reboredo

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O plan prevé reordenar e ampliar o solo industrial en case 53 hectáreas e crear máis de 165.000 metros cadrados de novos espazos
tome-ampliacion-poligono-de-reboredo
3 Jun 2026

O Concello de Monforte de Lemos presentou este martes o proxecto de modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento para a reordenación e ampliación do Polígono Industrial do Reboredo, unha actuación coa que o Goberno local busca reforzar o desenvolvemento económico e a capacidade de atracción empresarial do municipio.

O alcalde, José Tomé Roca, anunciou en rolda de prensa que o Equipo de Goberno levará a iniciativa a un Pleno extraordinario o vindeiro luns 8 de xuño, no que se someterá á aprobación inicial.

O proxecto afecta a unha superficie total de 52,91 hectáreas, das cales 36,66 corresponden ao polígono actual e 16,57 hectáreas serán incorporadas como nova área de solo urbanizable industrial, situada entre a estrada provincial LU-P-3205 e o regato do Carballal.

Segundo explicou o rexedor, a actuación permitirá actualizar a ordenación dun ámbito xa consolidado e “adaptalo ás necesidades actuais das empresas”, incorporando novas parcelas empresariais, zonas verdes e espazos dotacionais. En conxunto, a nova ordenación superará os 165.000 metros cadrados de superficie destinada a usos industriais e zonas verdes.

Tomé subliñou que o polígono vén de experimentar nos últimos anos melloras en infraestruturas e servizos, o que provocou unha ocupación case total das parcelas dispoñibles. Esta situación motivou a necesidade de impulsar a ampliación para dar resposta á demanda existente e favorecer o crecemento das empresas xa instaladas.

Para facer posible o proxecto, o Concello contou coa cesión de terreos por parte da Deputación de Lugo e con expropiacións puntuais, ademais da elaboración de informes técnicos, arqueolóxicos e hidrolóxicos.

A proposta tamén contempla unha reorganización do solo que concentra as zonas verdes na contorna do regato do Carballal, co obxectivo de compatibilizar a protección ambiental coa creación de novo solo industrial.

En canto á tramitación, o expediente pasará por un período de información pública de dous meses e requirirá informes de distintos organismos, entre eles a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta, a Deputación de Lugo ou empresas subministradoras de servizos.

O Concello estima que, se non se producen incidencias, o proceso podería completarse nun prazo aproximado de doce meses.

Durante a presentación, Tomé destacou que a iniciativa busca “non só ordenar e ampliar o actual polígono industrial, senón tamén ofrecer novas oportunidades de crecemento ás empresas”, ao tempo que incidiu en que o desenvolvemento industrial é clave para a fixación de poboación e o futuro económico da comarca.

0.12828612327576