O Concello de Monforte organiza unha recollida de plásticos agrícolas nas parroquias o 1 de xuño

O Concello de Monforte de Lemos levará a cabo o vindeiro luns 1 de xuño unha nova recollida de plásticos agrícolas nas distintas parroquias do municipio, unha actuación que se realiza coincidindo co período no que o sector agrogandeiro xera maior volume deste tipo de residuos, principalmente procedentes do ensilado.
Segundo informou o alcalde, José Tomé Roca, os plásticos deberán depositarse previamente os días sábado 30 e domingo 31 de maio nos puntos habilitados en cada parroquia. O material deberá deixarse dobrado e atado para facilitar a súa recollida, e só se admitirán plásticos de uso agrícola.
Entre os puntos establecidos para o depósito figuran espazos como campos da festa, locais sociais e zonas sinalizadas en parroquias como Marcelle, Gullade, Vilamarín, Chavaga, Piñeira, Baamorto ou Fiolleda, entre outras. A recollida realizarase ao longo de toda a xornada do luns e abarcará todas as zonas produtoras do municipio.
O Concello lembra que este servizo é completamente gratuíto para o sector primario. O alcalde destacou que “non ten ningún custe para os agricultores e os gandeiros e, ademais, contribúe de xeito importante á conservación do medio ambiente”.
Desde o goberno local tamén se solicita a colaboración das pedanías e da veciñanza para o correcto depósito dos residuos, lembrando que estes tamén poden ser entregados durante todo o ano no Punto Limpo municipal.
O Concello agradece a implicación do sector agrogandeiro na correcta xestión destes residuos e subliña a boa resposta que esta iniciativa vén rexistrando en anteriores edicións.