O Concello de Monforte organiza unha charla informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas inmigrantes

O Concello de Monforte, a través da Concellería de Servizos Sociais, organizou unha charla informativa centrada no proceso de regularización extraordinaria de persoas inmigrantes. A actividade está aberta a toda a cidadanía, con especial atención á poboación inmigrante.
A sesión terá lugar o vindeiro mércores 22 de abril, ás 12:00 horas, no salón de actos do Centro Cívico Social de Monforte, situado no Paseo do Malecón. A charla será impartida pola avogada Celia López Rodríguez, especialista en materia de estranxeiría e membro do Programa de Inclusión Social de Inmigrantes do Concello.
O obxectivo desta iniciativa é ofrecer información e asesoramento técnico especializado en relación co proceso de regularización extraordinaria previsto no Real Decreto 316/2026, do 14 de abril, que modifica a normativa vixente sobre dereitos e liberdades das persoas estranxeiras en España e a súa integración social.
Durante a sesión abordaranse cuestións como os requisitos, procedementos e prazos deste proceso administrativo, ademais de resolver as dúbidas que poidan xurdir entre as persoas asistentes.
Desde a área de Servizos Sociais anímase a participar nesta actividade, que busca facilitar o acceso a información clara e actualizada, así como contribuír á integración social e administrativa da poboación inmigrante no municipio.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos servizos sociais municipais.