O Concello de Monforte licita por 281.000 euros as obras de mellora do pavimento en varios viais de Piñeira

RibeiraSacraXa
As actuacións inclúense no plan de investimentos en infraestruturas viarias de máis de 1 millón de euros anunciado polo Concello de Monforte
planos-bosque-reboredo-bodegas-monforte
10 Jun 2026

O Concello de Monforte vén de licitar de dous novos proxectos de mellora da pavimentación na parroquia de Piñeira, por un importe conxunto de 281.000 euros. As actuacións afectan á vía que conecta os núcleos de As Bodegas-A Regueira e ás vías entre O Bosque e a estrada do Reboredo.

Estas intervencións están incluídas no plan de investimentos en infraestruturas viarias presentado o pasado mes de maio, que contempla unha decena de actuacións en rúas do centro urbano e da zona rural, cun orzamento global de 1.059.733,23 euros.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á licitación destes dous proxectos na sesión do 1 de xuño. Segundo informou o Concello, os contratos xa están publicados na Plataforma de Contratación Pública e o prazo de presentación de ofertas finaliza o 29 de xuño. O prazo de execución previsto para ambas actuacións é dun mes.

O alcalde sinalou que este programa de obras “vai permitir seguir mellorando tanto as parroquias como rúas e barrios da cidade, reforzando a seguridade viaria e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza”.

En canto ao primeiro proxecto, o vial entre As Bodegas e A Regueira, prevese a rexeneración do firme nun tramo de 780 metros de lonxitude, cunha superficie de actuación de 5.900 m². Os traballos inclúen o rebaixado do firme, achega de materiais como cachote e grava, colocación de base de zahorra, nova capa de aglomerado en quente, así como o pintado da sinalización viaria. O investimento ascende a 177.770,29 euros.

O segundo proxecto afecta ás vías entre O Bosque e a estrada do Reboredo, cunha lonxitude total de 1.670 metros e unha superficie de 6.960 m². As actuacións inclúen o rebaixado e recheo con zahorra, a renovación do firme con aglomerado en quente, o recalce de tapas de arquetas e a instalación dun redutor de velocidade. O orzamento é de 103.825,63 euros.

O plan de investimentos municipal completarase con novas actuacións previstas en vías como a rúa Pintor Luis Seoane, Marcelle e San Julián de Tor. O obxectivo do Goberno local é que todas as obras estean executadas a finais de 2026.

0.13435292243958