O Concello de Monforte licita o servizo de control de pombas domésticas e reforza as actuacións contra pragas

RibeiraSacraXa
A medida busca reducir as molestias e prexuízos que a superpoboación destas aves causan aos cidadáns e edificios do municipio
pombas
14 Apr 2026

O Concello de Monforte de Lemos, segundo informa o alcalde José Tomé Roca, puxo en marcha a contratación do servizo de control de pombas domésticas no municipio, co obxectivo de reducir as molestias e prexuízos derivados da súa superpoboación en distintos puntos da cidade. A Xunta de Goberno Local aprobou este luns, 13 de abril, o inicio do procedemento de licitación, que conta cun orzamento anual estimado de 7.500 euros.

O contrato enmárcase dentro das actuacións municipais dirixidas ao control da poboación de pomba doméstica (Columba livia) mediante métodos non violentos nin crueis, e abranguerá zonas onde se detecten niveis elevados desta especie que poidan afectar ás condicións hixiénico-sanitarias, ambientais ou ao patrimonio urbano. Tamén inclúe tarefas de seguimento, censado e análise do estado sanitario das aves.

Segundo recolle a documentación do contrato, o servizo deberá incluír actuacións en parques e xardíns, edificios municipais, colexios, cemiterio e outros espazos que determine o Concello, así como a atención de incidencias relacionadas coa presenza destas aves.

En paralelo, o Concello mantén en marcha o procedemento para o servizo de desratización, desinsectación e desinfección, iniciado o pasado 16 de marzo e actualmente en fase de valoración de ofertas. Este contrato parte dun orzamento anual de 4.598 euros.
En conxunto, ambos servizos supoñen un investimento estimado de 12.098 euros anuais. A duración prevista é de dous anos, con posibilidade de prórroga anual ata un máximo de catro anos.

O alcalde sinala que as empresas que opten a estes contratos “deben estar debidamente especializadas e homologadas polas autoridades competentes”, co obxectivo de desenvolver un plan integral de control de pragas no municipio.

No caso do servizo de desratización, desinsectación e desinfección, o plan abranguerá actuacións en redes de sumidoiros, espazos públicos e instalacións municipais, así como intervencións en puntos considerados singulares por risco sanitario. Ademais, incluirá o tratamento doutras posibles pragas que poidan afectar á saúde pública.

Ambos contratos contemplan tamén actuacións preventivas, a realización dos traballos por persoal cualificado e baixo criterios de seguridade para persoas, animais e medio ambiente, así como a existencia dunha dirección técnica encargada de supervisar e avaliar as intervencións baixo a coordinación da Concellería de Medio Ambiente.

0.11551690101624