O Concello de Monforte licita a obras de renovación do pavimento na Avenida de Galicia–Rúa Chantada e na Rúa Vigo

RibeiraSacraXa
O investimento conxunto rolda os 280.000 euros
rua-chantada-LU-933-monforte
11 May 2026

O Concello de Monforte de Lemos vén de dar un novo paso no seu plan de mellora das infraestruturas viarias coa licitación das obras de renovación do pavimento na Avenida de Galicia–Rúa Chantada e na Rúa Vigo, por un investimento conxunto de 278.304 euros.

A actuación forma parte do programa de investimentos en vías municipais anunciado polo alcalde a pasada semana, que inclúe unha decena de intervencións tanto no centro urbano como na zona rural e que suma un orzamento global de 1.059.733 euros. Segundo o rexedor, este conxunto de obras permitirá “seguir mellorando tanto as parroquias como rúas e barrios da cidade, reforzando a seguridade viaria e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza”.

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión deste luns 11 de maio a licitación dos dous primeiros proxectos. A publicación xa está dispoñible na Plataforma de Contratación Pública e o prazo para presentar ofertas remata o 8 de xuño.

No caso da Avenida de Galicia–Rúa Chantada, a intervención conta cun orzamento de 163.300 euros (IVE incluído) e un prazo estimado de execución dun mes. Os traballos abranguen o treito entre o cruce coa rúa Cardenal e a rotonda do Hórreo, cunha lonxitude de 1.020 metros, ancho medio de 8,25 metros e unha superficie total de 8.415 m².

Esta vía foi recentemente incorporada á rede municipal tras a cesión da súa titularidade por parte da Xunta de Galicia, publicada no DOG o 22 de febreiro. O alcalde sinala que a actuación é necesaria polo estado de deterioro do firme, que presenta desgaste e acumulación de auga en determinados puntos, polo que se considera precisa unha renovación integral. “é moi necesaria, dado que xa había moito tempo que non se actuaba e o firme está moi deteriorado, con presenza de auga nalgunhas zonas, polo que se aconsella unha renovación integral”.

As obras consistirán no fresado completo do pavimento actual, a posterior colocación dunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente e o repintado de marcas viarias, símbolos e cebreados.

Pola súa banda, a intervención na Rúa Vigo conta cun investimento de 115.003 euros (IVE incluído) e tamén un prazo de execución dun mes. O proxecto abrangue o tramo entre o cruce coa estrada da Vide e o final do barrio do Casar, cunha lonxitude de 605 metros, ancho medio de 10,36 metros e unha superficie de 6.270 m².

Neste caso, ademais da renovación do firme, inclúese a reparación dos danos existentes provocados por obras ou avarías na rede de auga e a mellora da sinalización viaria en toda a vía. O alcalde destaca que a intervención “vai permitir unha boa urbanización do barrio do Casar”.

Os traballos comezarán tamén co fresado completo, limpeza da superficie e reposición do pavimento mediante aglomerado en quente, finalizando coa sinalización horizontal.

Ademais destas dúas actuacións iniciais, o plan municipal prevé novas licitacións en próximas datas en rúas como Calvo Sotelo, Pintor Luís Seoane e Montepando–Brouza Brey, así como melloras en pistas e vías das parroquias de Piñeira, Marcelle, Ribasaltas e San Xulián de Tor. O obxectivo, segundo o Concello, é que todas estas obras estean executadas antes de finais de 2026.

0.13925504684448