O Concello de Monforte inicia este luns o reparto gratuíto de gafas homologadas para a eclipse solar entre os menores do municipio

O Concello de Monforte de Lemos comeza este luns, 13 de xullo, o reparto gratuíto de gafas homologadas para a observación da eclipse solar prevista para o vindeiro 12 de agosto. A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, está destinada aos menores empadroados no municipio nacidos entre os anos 2011 e 2023.
Segundo explicou o alcalde, o obxectivo desta campaña é que os máis novos poidan contemplar este fenómeno astronómico "con todas as garantías de seguridade", evitando os riscos que supón observar directamente o Sol sen a protección adecuada.
As gafas poderán recollerse no vestíbulo da entrada principal da Casa do Concello, nun punto habilitado para este fin, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres.
Para retirar o material, os proxenitores deberán presentar o seu DNI e o Libro de Familia, co fin de acreditar a identidade, o parentesco e a idade do menor. No caso de que sexan os propios menores os que acudan á recollida, deberán identificarse co seu DNI.
As lentes distribuídas cumpren a normativa EN ISO 12312-2:2015 e contan co marcado CE. Xunto con elas entregarase un tríptico informativo con recomendacións para observar a eclipse de forma segura.
Entre os consellos facilitados polo Concello figura a recomendación de non mirar directamente ao Sol sen protección homologada, xa que pode provocar lesións irreversibles na retina. Tamén se lembra que estas gafas non deben utilizarse durante máis de 30 segundos seguidos nin combinadas con prismáticos, telescopios, cámaras ou outros instrumentos ópticos.
Así mesmo, desaconséllase empregar métodos caseiros para observar a eclipse ou utilizar teléfonos móbiles e cámaras para fotografar ou gravar o fenómeno sen os sistemas de protección adecuados. O folleto tamén inclúe recomendacións xerais como usar protección solar e tomar medidas para evitar os efectos das altas temperaturas durante a observación.