O Concello de Monforte impulsará un gran corredor verde de máis de catro quilómetros cun investimento millonario

O Concello de Monforte someterá á aprobación do próximo pleno municipal o proxecto dunha nova senda peonil circular urbana que permitirá crear un gran corredor verde arredor da cidade. A actuación, cun investimento previsto de 6.125.000 euros, contempla a recuperación ambiental dos regatos de As Malloadas, Penela e Zapardiel e a creación dun percorrido de máis de catro quilómetros que enlazará diferentes zonas da capital monfortina.
O anuncio foi realizado este luns polo alcalde, José Tomé Roca, nunha comparecencia na que estivo acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e polo concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada.
Segundo explicou o rexedor, a iniciativa deriva do convenio asinado en novembro de 2024 co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, para desenvolver unha senda que discorrerá polas marxes dos tres regatos e que unirá o edificio de Correos co Fogar de San José, no inicio do Paseo do Malecón.
José Tomé definiu a actuación como “un proxecto que suporá un antes e un despois na configuración urbana, ambiental e social da nosa cidade, unha actuación transformadora que permitirá crear un auténtico cinto verde arredor de Monforte”.
Do orzamento total previsto, 5,28 millóns de euros serán achegados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, mentres que o Concello asumirá os 845.000 euros restantes. A contía inclúe tanto as expropiacións necesarias como a redacción do proxecto e a execución das obras.
O novo itinerario arrancará na contorna de Correos, continuará ata o Fogar San José e enlazará co Malecón, formando un circuíto continuo que chegará tamén ao Parque dos Condes. Sumado ao actual paseo fluvial do río Cabe, o corredor superará os cinco quilómetros de percorrido.
“Imos poñer en valor tres cursos fluviais que forman parte do noso patrimonio natural e que pasarán a converterse en espazos accesibles, coidados e pensados para o desfrute da cidadanía”, destacou o alcalde.
O rexedor incidiu ademais en que a senda estará pensada para o tránsito peonil e ciclista. “Será un espazo pensado para camiñar, correr, pasear en bicicleta e gozar da natureza sen saír da cidade, ampliando de maneira moi significativa as posibilidades de lecer saudable para os veciños e veciñas de Monforte”, sinalou.
A actuación tamén permitirá conectar diferentes puntos de interese do municipio, como a Compañía, os Escolapios, o Casco Histórico ou o propio Malecón, ademais de enlazar parques como o dos Condes, A Florida ou Zapardiel.
En canto ás características da senda, esta discorrerá maioritariamente por unha das marxes dos regatos, aínda que entre Correos e a rúa Sarria habilitaranse paseos en ambas as beiras debido ao carácter máis urbano dese tramo. No regato de As Malloadas está previsto un paseo con pavimento de aripack na marxe esquerda e outro de terra máis integrado na contorna natural na marxe dereita.
Un dos aspectos destacados do proxecto é a súa repercusión sobre o saneamento urbano. A actuación permitirá corrixir problemas históricos derivados da entrada de augas limpas procedentes da choiva e do regadío na rede de sumidoiros, especialmente na contorna de As Malloadas.
Actualmente, parte da infraestrutura de saneamento discorre polo propio leito do regato, o que provoca filtracións e sobrecargas que afectan ao funcionamento da estación depuradora de Piñeira. Segundo explicou Tomé, a intervención permitirá trasladar a rede de saneamento por debaixo da futura senda peonil.
“Con esta actuación melloraremos a eficiencia de todo o sistema de saneamento e avanzaremos cara a unha xestión máis sostible da auga”, afirmou.
O alcalde subliñou que o proxecto combina “dous obxectivos fundamentais: por unha banda, poñemos á disposición dos monfortinos e monfortinas un novo espazo de máis de 5 quilómetros para peóns e ciclistas e, pola outra, favorecemos unha importante mellora ambiental, xa que retiramos o saneamento dos regatos e trasladámolo por debaixo da senda peonil”.
A intervención inclúe tamén actuacións de restauración ecolóxica mediante a recuperación da vexetación de ribeira e a mellora do estado ambiental dos tres cursos fluviais. Neste sentido, Tomé asegurou que “queremos poñer a natureza no centro de Monforte, achegándoa á cidadanía e converténdoa nun elemento de cohesión urbana, benestar e calidade de vida”.
Unha vez que o proxecto reciba o visto e prace do pleno municipal e sexa remitido á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, será este organismo o encargado de licitar as obras.