O Concello de Monforte impulsa traballos de limpeza e desbroce na contorna de San Vicente do Pino

RibeiraSacraXa
As labores incluirán a retirada de vexetación en diferentes zonas do conxunto monumental e os seus accesos, cun investimento de 15.000 euros
parador-monforte-san-vicente-do-pino
28 Apr 2026

O Concello de Monforte aprobou a contratación dun servizo de limpeza e desbroce na contorna do conxunto monumental de San Vicente do Pino, unha actuación destinada a mellorar o estado de conservación deste espazo histórico.

A decisión foi adoptada na Xunta de Goberno Local celebrada o luns 27 de abril, cun investimento de 15.000 euros e un prazo de execución previsto para o próximo mes de xuño.

“O conxunto monumental de San Vicente e a súa contorna teñen un incuestionable valor histórico, arquitectónico e social para o noso municipio, e precisan dunha labor de conservación e mantemento”, sinala o alcalde, José Tomé Roca, que destaca a importancia desta intervención.

Nesta liña, explicou que os traballos buscan “limpar o espazo tras o crecemento da maleza e as inclemencias do inverno, co obxectivo de adecuar toda a contorna para o uso e desfrute da veciñanza de Monforte e tamén das persoas que visitan a nosa cidade”.

As labores incluirán a retirada de vexetación en diferentes zonas do conxunto monumental e os seus accesos, como as ladeiras próximas á antiga zona do restaurante O Grelo e a Torre dos Taboada, así como áreas próximas á muralla e a contorna do denominado triángulo fronte a ese espazo.

Tamén se actuará na contorna do Parador de Turismo e do Campo da Virxe ata a Torre Pequena e o miradoiro, ademais de en accesos como as Portas da Alcazaba e Nova, as escaleiras da rúa da Pena e o Parque dos Loureiros.

O plan de actuación contempla igualmente traballos no solar da rúa A Cerca, o camiño cara ao depósito de auga, os arredores da Torre Falagueira e varios muros e camiños da zona da Régoa.

Finalmente, o proxecto inclúe intervencións no recinto da Torre da Homenaxe e na Torre Pequena, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e o estado xeral do conxunto monumental.

0.12184500694275