O Concello de Monforte implantará a xornada laboral de 35 horas semanais para todo o persoal municipal a partir do 1 de outubro

O Concello de Monforte de Lemos implantará a xornada ordinaria de 35 horas semanais para todo o seu persoal a partir do vindeiro 1 de outubro. A medida foi aprobada pola Xunta de Goberno Local por proposta do alcalde, José Tomé, e será presentada este mércores, 15 de xullo, na reunión da Mesa Xeral de Negociación, na que participan o Goberno municipal e as organizacións sindicais.
Segundo explica o rexedor, a decisión adopta as previsións da normativa estatal publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), que establece a xornada ordinaria de 35 horas semanais para o persoal da Administración Xeral do Estado e facilita a súa aplicación ao resto das administracións públicas. “Este Equipo de Goberno quer implantar para o persoal municipal as mesmas vantaxes laborais dos funcionarios do Estado”, sinala.
José Tomé destaca que o Concello decidiu adaptar a súa organización para aplicar esta medida, que, segundo indica, supón unha mellora das condicións laborais do persoal municipal sen afectar á prestación dos servizos públicos nin á atención á cidadanía.
A nova xornada entrará en vigor o 1 de outubro, unha vez rematado o horario de verán, que permanecerá vixente ata o 15 de setembro. Deste xeito, a súa implantación coincidirá practicamente co inicio do horario ordinario de inverno.
O acordo será presentado na Mesa Xeral de Negociación para informar da súa aplicación e abordar os aspectos organizativos necesarios para a súa posta en marcha.
O alcalde subliña que “esta medida supón un avance nas condicións laborais dos empregados e empregadas municipais, ao tempo que se garante o correcto funcionamento dos servizos públicos que presta o Concello”. Ademais, explica que con esta medida o concho busc “seguir modernizando a administración municipal, favorecendo a conciliación e o benestar do persoal sen que iso repercuta na calidade da atención que reciben os veciños e veciñas de Monforte”.
Desde o Concello indican que a implantación da nova xornada realizarase conforme ao marco legal vixente e adaptándose ás necesidades organizativas dos distintos servizos municipais, co fin de garantir en todo momento a continuidade da actividade administrativa e a prestación eficaz dos servizos públicos.