O Concello de Monforte garante que a reforma do Parque dos Condes incrementa a superficie de zona verde

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, presentou este martes un informe comparativo sobre as obras de reforma do Parque dos Condes e da urbanización da Zona D, no que se conclúe que a intervención non só reorganiza o espazo, senón que tamén aumenta a superficie destinada a zonas verdes.
Na visita ás obras, o rexedor estivo acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e polo concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada. Durante o encontro cos medios, entregouse un estudo técnico no que se analiza a evolución das áreas axardinadas antes e despois da actuación.
Segundo explicou o Concello, no estado previo á obra a zona contaba con 16 parterres independentes de xeometría irregular, que sumaban unha superficie total de 1.119,05 m². Ademais, ese espazo incluía itinerarios peonís en grava compactada, un eixo principal en granito e zonas de transición sen delimitación clara entre parterres.
O proxecto actualmente en execución contempla a creación dunha fonte central rodeada por un paseo peonil perimetral de 5 metros de ancho, o que permite reorganizar o conxunto e reducir a fragmentación existente, mellorando a continuidade das áreas verdes.
Tras a reforma, o espazo axardinado estrutúrase en catro zonas principais de 307,32 m², 243,73 m², 124,09 m² e 474,30 m², o que supón unha superficie total de 1.149,44 m². Isto implica un incremento de 30,39 m² respecto á situación inicial.
José Tomé destacou que “este estudo confirma o que levamos tempo explicando, que a reforma do Parque dos Condes mantén o carácter esencial e paisaxístico do espazo público, reforzando a presencia de zonas verdes no conxunto do parque, mantendo a zona de sombra e incrementando o número de bancos, que pasa de 14 a 26”.
O alcalde engadiu que a actuación “non só reorganiza xeometricamente o espazo libre, senón que incrementa a superficie destinada a zonas verdes, reducindo a fragmentación que existía antes entre os parterres, ao tempo que mellora a continuidade das áreas axardinadas”.
Tamén sinalou que coa apertura da Zona D, “o Parque dos Condes gañará en amplitude e zona de esparexemento para o desfrute dos monfortinos e monfortinas e de todas as persoas que nos visitan”.
O proxecto inclúe tamén a mellora da definición xeométrica dos parterres e a súa integración no conxunto do parque, así como a reorganización dos espazos para favorecer a continuidade paisaxística.
Está previsto que tanto a reforma do parque como a urbanización da Zona D estean rematadas ao longo do vindeiro mes de xullo.