O Concello de Monforte entrega os diplomas da segunda fase dos obradoiros de dixitalización nas parroquias

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, presidiu este mércores a entrega dos diplomas correspondentes á segunda fase dos obradoiros gratuítos de dixitalización organizados polo Concello en colaboración coa Deputación de Lugo. Nesta edición, a formación desenvolveuse nos locais sociais das parroquias de Chao do Fabeiro, Seoane e Piñeira.
Cada un dos cursos contou cunha duración de 20 horas presenciais e estivo orientado a mellorar as competencias dixitais da veciñanza do rural. Entre os contidos impartidos figuraron o uso da firma dixital, o funcionamento de Ch@ve 365, a aplicación do Sergas, a sede electrónica das administracións, o manexo do teléfono móbil e diferentes recomendacións para unha navegación segura e responsable por internet, ademais doutras cuestións relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación.
Estas accións formativas forman parte do programa 'E para dixitalizarse Lugo', impulsado pola Deputación de Lugo en colaboración cos concellos da provincia. O Concello de Monforte sumouse a esta iniciativa cunha programación enfocada a facilitar a adquisición de habilidades tecnolóxicas básicas entre a poboación do ámbito rural.
A formación está dirixida principalmente a persoas maiores, persoas en situación de desemprego, mocidade e mulleres do rural, aínda que permanece aberta á participación de calquera persoa interesada. O obxectivo é proporcionar orientación e coñecementos que permitan incorporar as tecnoloxías dixitais á vida diaria e facilitar a relación coa administración e outros servizos.
Durante o acto, José Tomé felicitou ás persoas participantes por completar os obradoiros e animou á veciñanza, especialmente ás persoas maiores, a "perderlle o medo ás tecnoloxías, aproveitar as vantaxes que ofrecen e facer un bo uso delas".
O rexedor lembrou tamén que este programa botou a andar durante a súa etapa como presidente da Deputación de Lugo, coa intención de achegar a formación dixital a toda a cidadanía e, especialmente, ás persoas residentes no rural, nun momento no que o acceso ás novas tecnoloxías resulta fundamental para realizar numerosas xestións cotiás.
Ademais dos diplomas acreditativos da súa participación, as persoas asistentes recibiron un reloxo dixital e un bolígrafo como agasallo conmemorativo.