O Concello de Monforte entrega os diplomas aos participantes nos obradoiros de dixitalización nas parroquias

RibeiraSacraXa
Máis de 80 persoas beneficiáronse desta iniciativa gratuíta promovida polo Concello en colaboración coa Deputación de Lugo
diplomas-dixitalizaión-parroquias-monforte
16 Apr 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, fixo entrega este xoves dos diplomas de participación aos máis de 80 veciños e veciñas que tomaron parte nos obradoiros gratuítos de dixitalización organizados polo Concello en colaboración coa Deputación de Lugo.

A formación desenvolveuse en diferentes xornadas entre novembro de 2025 e febreiro de 2026, con cursos de 20 horas presenciais impartidos nos locais sociais das parroquias de Ribasaltas, Sindrán, Gullade, Bascós, Piñeira, Distriz, Seoane e A Penela.

Estes obradoiros tiveron como obxectivo achegar habilidades tecnolóxicas básicas á poboación do rural, con contidos prácticos centrados no uso da firma dixital, o sistema Ch@ve 365, a aplicación do Sergas, a sede electrónica das administracións, así como o manexo do teléfono móbil e ferramentas de uso cotián como Bizum ou a banca electrónica.

A iniciativa enmárcase no programa ‘E para dixitalizarse Lugo’, impulsado pola Deputación de Lugo en colaboración cos concellos, ao que se sumou Monforte co fin de facilitar a inclusión dixital da veciñanza, especialmente no ámbito rural.

Durante o acto, o rexedor fixo entrega dos diplomas e dun agasallo ás persoas asistentes, ao tempo que as felicitou pola súa participación. José Tomé animou á veciñanza, especialmente ás persoas maiores, a “perderlle o medo ás tecnoloxías, aproveitar as vantaxes que ofrecen e facer un bo uso delas”.

O alcalde lembrou ademais que esta iniciativa xa se puxera en marcha cando el presidía a Deputación de Lugo, co obxectivo de achegar a formación dixital a toda a poboación e reducir a fenda tecnolóxica no medio rural.

Os cursos estiveron dirixidos principalmente a persoas maiores, desempregadas, mocidade e mulleres do rural, aínda que estiveron abertos a todos os colectivos. Ao remate da formación, as persoas participantes recibiron tamén un reloxo dixital e un bolígrafo como agasallo.

0.13244581222534