O Concello de Monforte da luz verde ás obras de restauración en tres igrexas do municipio

RibeiraSacraXa
O investimento total ascende a 440.000 euros e as actuacións centraranse na igrexa de Santa María de Rozavales, na de Santa María da Penela e na de Santa María de Baamorto
casa-concello-monforte
25 Apr 2026

O Concello de Monforte deu luz verde ás obras de restauración en tres igrexas do municipio tras a concesión das correspondentes licenzas urbanísticas. Así o anunciou o alcalde, José Tomé Roca, quen explicou que as intervencións se levarán a cabo nos templos de Rozavales, Baamorto e A Penela.

Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e a Diócese de Lugo, asinado en outubro de 2025, que contempla melloras en nove igrexas da provincia, tres delas situadas en Monforte. O investimento total ascende a 440.000 euros, financiados a partes iguais por ambas institucións, dos cales 112.700 euros corresponden ás intervencións previstas no municipio.

“Esta intervención é unha proba máis do compromiso do Alcalde e do Equipo de Goberno co patrimonio e coas parroquias rurais, porque conservar as igrexas é tamén conservar a historia, a arquitectura e a vida social do noso territorio”, destacou José Tomé. Neste sentido, engadiu que as igrexas “non son só espazos de culto, senón lugares de encontro e convivencia veciñal que manteñen tamén a cultura e as tradicións”.

O rexedor indicou que as licenzas foron aprobadas recentemente en Xunta de Goberno Local, polo que agora será a Diócese de Lugo a encargada de licitar e executar os traballos, tal e como establece o acordo asinado.

En canto ás actuacións previstas, na igrexa de Santa María de Rozavales renovarase a cuberta, coa substitución da lousa e de elementos de madeira deteriorados, ademais da instalación de novos canalóns e baixantes. O orzamento desta intervención elévase a 39.300 euros.

Na igrexa de Santa María da Penela, os traballos centraranse tamén na cuberta, coa substitución das tellas actuais por pezas tradicionais e a mellora doutros elementos estruturais. Esta actuación contará cun investimento de 44.000 euros.

Por último, na igrexa de Santa María de Baamorto actuarase no adro, coa renovación da cobertura mediante a instalación de novos materiais libres de amianto e tellas cerámicas curvas. O orzamento previsto neste caso é de 29.400 euros.

Con estas intervencións, o Concello busca contribuír á conservación do patrimonio relixioso local e mellorar o estado destes espazos de valor histórico e social nas parroquias do municipio.

0.1260838508606