O Concello de Monforte convoca unha nova edición do Concurso de Maios e Coplas

O Concello de Monforte vén de convocar unha nova edición do Concurso de Maios e Coplas, unha cita tradicional que contará cunha dotación total de 1.905 euros en premios. O evento desenvolverase o 7 de maio ás 17.30 horas na Praza de España, que será o punto central da celebración.
A participación está aberta a toda a veciñanza, tanto de forma individual como en grupo, e as inscricións xa poden realizarse no Rexistro Xeral do Concello. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o luns 4 de maio ás 14.00 horas. Pola súa parte, as bases do certame aprobaranse o luns 27 de abril.
O concurso estrutúrase en dous bloques diferenciados: por unha banda, o de Maios, e por outra o de Coplas. No primeiro caso, establécense dúas modalidades, unha para colectivos, asociacións e particulares, e outra destinada aos centros educativos. En total, este apartado contará con 1.500 euros en premios. O xurado terá en conta aspectos como a creatividade, a estética, a orixinalidade, a elaboración, os materiais empregados e a calidade das composicións.
No caso das Coplas, a dotación económica ascende a 405 euros. Valorarase a posta en escena, a interpretación, a orixinalidade, a idea, os instrumentos utilizados e tamén o número de participantes. En ambos os apartados establécense primeiros, segundos e terceiros premios, ademais de varios accésits.
A celebración incluirá tamén a exposición dos maios e a interpretación das coplas na Praza de España, punto ao que chegarán as diferentes propostas tras percorrer libremente as rúas da cidade.
O alcalde, José Tomé Roca, destacou o carácter participativo e cultural desta iniciativa e animou á cidadanía a “participar nesta celebración tradicional que festexa a entrada da primavera coa lectura de coplas e a confección de montaxes florais e vexetais nas que os monfortinos e monfortinas veñen demostrando a súa orixinalidade e gran creatividade. Por iso queremos premiar o traballo e esforzo tanto na elaboración dos maios como na composición das coplas”.