O Concello de Monforte convoca axudas por 12.000 euros para clubs deportivos que compitan a nivel nacional e internacional

RibeiraSacraXa
A convocatoria está dirixida a financiar gastos de inscrición e desprazamento en campionatos de España, Europa e do mundo
voleibol-pinguela-monforte-axudaas-clubs-deportivos
17 Jun 2026

O Concello de Monforte de Lemos mantén aberta unha nova convocatoria de axudas destinadas a apoiar a participación de clubs deportivos do municipio en competicións de ámbito estatal, europeo e mundial, cunha dotación total de 12.000 euros.

O prazo de solicitude desta liña de subvencións está aberto desde este mércores 17 de xuño e permanecerá activo ata o 13 de outubro de 2026. A convocatoria abrangue competicións celebradas entre o 14 de outubro de 2025 e o 13 de outubro de 2026.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou que “o deporte monfortino vive un momento moi bo e son varios os clubs que se clasifican para participar en campionatos nacionais e internacionais”, engadindo que “queremos contribuír a que poidan acudir a estas competicións, xa que somos conscientes do esforzo económico que isto supón”.

A liña de axudas está dirixida a clubs e asociacións deportivas legalmente constituídas, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Deportivas e con domicilio social no municipio, que cumpran os requisitos establecidos na normativa de subvencións.

As axudas tramitaranse por concorrencia non competitiva e concederanse por orde de entrada das solicitudes que cumpran os requisitos, ata esgotar o crédito dispoñible.

En canto ás contías, establécense importes diferentes segundo o tipo de competición e a modalidade deportiva. No caso dos deportes de equipo, as axudas oscilan entre os 1.000 e os 2.000 euros dependendo do campionato e do lugar de celebración. Para as modalidades individuais, as achegas establécense por deportista, con importes que van desde os 200 ata os 400 euros, con límites máximos por club.

Entre os gastos subvencionables inclúense os custos federativos, como inscricións e cánones, así como os gastos de desprazamento, transporte, aloxamento e manutención derivados da participación nas competicións, sempre que se poida acreditar a súa relación directa co evento deportivo.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos, de acordo coa Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas.

0.12460398674011