O Concello de Monforte colga a bandeira arco iris para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos das Persoas LGTBIQ+

RibeiraSacraXa
O alcalde José Tomé Roca destaca o apoio institucional á igualdade, á liberdade e ao respecto á diversidade afectivo-sexual
concello-de-monforte-bandeira-lgtbi
25 Jun 2026

O Concello de Monforte súmase á conmemoración do Día Internacional dos Dereitos das Persoas LGTBIQ+, que se celebra este domingo 28 de xuño en todo o mundo.

Como en edicións anteriores, o pasado martes procedeuse á colocación da bandeira arco iris nos balcóns da Casa Consistorial, símbolo da comunidade LGTBIQ+ e representación da liberdade, a diversidade e os dereitos das persoas que historicamente loitaron pola igualdade.

O alcalde, José Tomé Roca, manifestou, en nome da veciñanza de Monforte, “o noso apoio institucional e social a esta celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+, co obxectivo de facer visible á nosa sociedade a diversidade sexual, á vez que promovemos a igualdade, liberdade e o respecto de todas as persoas”.

A bandeira permanecerá colocada ata o martes 30 de xuño, como vén sendo habitual nos últimos anos. Ademais desta acción simbólica, o Concello levará ao pleno do luns 29 de xuño unha Declaración Institucional con motivo desta data, co obxectivo de reafirmar o compromiso municipal coa igualdade efectiva e o respecto á diversidade afectivo-sexual.

O goberno local sinala que este xesto representa o compromiso do municipio coa igualdade, a liberdade e a diversidade, así como o rexeitamento de calquera tipo de discriminación por razón de orientación sexual.

Monforte defínese como unha cidade aberta, diversa e respectuosa, que se suma á reivindicación dos dereitos das persoas LGTBIQ+ e que reafirma a súa postura contra a LGTBIfobia, incidindo en que “no noso concello non ten cabida a LGTBIfobia, sendo unha obriga de todas as institucións a defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+”.

O Equipo de Goberno destaca tamén a importancia de avanzar na educación da cidadanía en materia de diversidade sexual, mediante programas de concienciación e sensibilización e a través de actos simbólicos como o realizado.

0.13670301437378