O Concello de Monforte bonificará o 50% do ICIO á Asociación Prodeme para un centro residencial de persoas con discapacidade

RibeiraSacraXa
O proxecto, declarado de especial interese municipal, contempla 34 apartamentos tutelados e 128 prazas residenciais na rúa Ourense
concello-de-monforte-bandeira-lgtbi
30 Jun 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a concesión dunha bonificación do 50% na cota do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) á Asociación Prodeme, no marco da licenza outorgada para a construción dun centro residencial destinado a persoas adultas con discapacidade.

A medida foi aprobada no pleno da Corporación Municipal celebrado este luns, no que se recoñeceu o “especial interese e utilidade municipal” do proxecto, polos seus beneficios sociais e pola súa contribución á dinamización do emprego no municipio.

O proxecto prevé a construción dun edificio na rúa Ourense que contará con 34 apartamentos tutelados e un total de 128 prazas residenciais para persoas adultas con discapacidade. A cota do ICIO ascende a 77.612,57 euros, polo que a bonificación do 50% suporá a redución á metade deste importe.

Segundo se recolle no acordo, a iniciativa foi declarada de interese social polos seus beneficios para persoas con discapacidade intelectual, trastorno dual e persoas maiores, así como pola súa incidencia positiva no emprego local.

O alcalde, José Tomé, subliñou o “interese social” do proxecto e reafirmou o compromiso do goberno municipal co apoio ás entidades sociais e aos colectivos máis vulnerables. “Coa bonificación no ICIO damos facilidades a un proxecto que favorece o arraigo destas persoas no noso municipio, ao tempo que apoiamos unha iniciativa que ademais de impacto social ten impacto na economía local, xa que suporá a creación directa de postos de traballo coa contratación do persoal encargado da atención e mantemento do centro”, indicou o rexedor.

O edificio estará situado na rúa Ourense e contará con planta baixa e entreplanta destinadas a zonas comúns, ademais de cinco plantas superiores para vivendas tuteladas. A súa posta en funcionamento implicará a contratación de profesionais como psicólogos, educadores sociais, persoal de enfermería, coidadores e persoal de mantemento.

Ademais, segundo se destaca, o centro tamén terá un impacto indirecto na economía local, ao prever que a maior parte dos seus provedores sexan do municipio, converténdose nun elemento de dinamización do comercio de proximidade.

0.12540984153748