O Concello de Monforte apoia as Festas de San Antonio, que se celebrarán do 11 ao 14 de xuño

RibeiraSacraXa
O Concello achega unha subvención de 3.000 euros para a organización do evento, ademais de colaborar noutros servizos como a limpeza, o uso do espazo público e o apoio en material e mobiliario
presentacion-festas-de-san-antonio-monforte-2026
28 May 2026

O Concello de Monforte vén de reafirmar a súa colaboración coa celebración das Festas de San Antonio, unha das tradicións festivas de barrio máis destacadas e participativas do municipio. As festas desenvolveranse entre o xoves 11 e o domingo 14 de xuño cun programa amplo que inclúe música, pasarrúas e actividades para todos os públicos.

O alcalde, José Tomé Roca, recibiu este mércores na Sala de Xuntas do Concello aos integrantes da comisión de festas encargados de organizar o programa deste ano. Un encontro no que se puxo en valor o traballo realizado para deseñar unha programación diversa e pensada para todos os públicos, mantendo o espírito tradicional desta celebración.

Tomé Roca destacou o apoio municipal a esta cita festiva, subliñando a súa relevancia dentro do calendario local e o seu arraigo tanto no barrio como no conxunto da cidade. “Estas festas son moi queridas polos monfortinos e monfortinas e supoñen tamén un atractivo para os que nos visitan, por iso desde o Concello queremos colaborar e apoiar a súa celebración, igual que facemos co resto dos barrios e parroquias do municipio”, sinalou.

Neste sentido, o rexedor explicou que o Concello achega unha subvención de 3.000 euros para a organización do evento, ademais de colaborar noutros servizos como a limpeza, o uso do espazo público e o apoio en material e mobiliario. Tamén puxo en valor o esforzo da comisión organizadora por manter viva esta tradición veciñal, que definiu como unha cita clave na convivencia cidadá. “As Festas de San Antonio son moi especiais porque manteñen esa esencia de festa popular e de convivencia veciñal que desde o Equipo de Goberno queremos preservar, e considerámolas como as segundas Festas Patronais”, afirmou.

O alcalde lembrou ademais que o 13 de xuño, día grande de San Antonio, será festivo local en Monforte. Sobre esta xornada, destacou que se trata dunha celebración con fonda tradición relixiosa e popular, con grande participación veciñal: “O San Antonio, xunto co Martes de Pascua, é unha festa que, celebrándose no centro da cidade, no barrio de San Antonio, mantén a esencia dunha festa relixiosa popular que ten moita devoción e moitos participantes”, indicou, avanzando tamén a presenza do Equipo de Goberno nos distintos actos.

Pola súa banda, o portavoz da comisión de festas, Carlos Prada, agradeceu publicamente o apoio do Concello e a colaboración prestada para facer posible unha nova edición das festas, destacando a importancia de manter viva a tradición e o espírito comunitario do barrio.

PORGRAMA COMPLETO DAS FESTAS DE SAN ANOTONIO DE MONFORTE 2026

0.11959099769592