O Concello de Monforte abre o prazo para solicitar axudas destinadas ás festas de barrios e parroquias en 2026

O Concello de Monforte de Lemos vén de poñer en marcha a convocatoria de subvencións para a organización de festas en barrios e parroquias durante o exercicio 2026, unha liña de apoio que conta cun orzamento global de 25.000 euros.
Segundo se recolle nas bases da convocatoria, cada barrio ou parroquia que presente solicitude poderá optar a unha axuda máxima de 1.000 euros por anualidade. O importe final poderá variar en función do número de peticións que se acepten, mantendo en todo caso o límite establecido por entidade beneficiaria.
O prazo para presentar as solicitudes está aberto desde este mércores e prolongarase ata o 30 de outubro de 2026, tras a publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.
Para poder acceder a estas axudas, entre os requisitos establecidos figura contar coa autorización previa do Concello de Monforte para a celebración da festa, ademais doutras condicións recollidas na normativa reguladora.
As solicitudes deberán presentarse acompañadas da documentación requirida, que inclúe a identificación da entidade ou persoas organizadoras, unha memoria detallada das actividades previstas, datos bancarios, así como distintas declaracións responsables sobre subvencións, obrigas fiscais e ausencia de incompatibilidades. No caso de comisións ou agrupacións de persoas, será necesario designar unha representación única.
A documentación pode entregarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través dos medios establecidos na lexislación vixente de procedemento administrativo.