O Concello de Monforte abre o prazo para solicitar as axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar

RibeiraSacraXa
O Concello incrementa a dotación económica destas axudas ata os 35.000 euros, o que supón 5.000 euros máis que na convocatoria anterior
material-escolar-colexio-educacion
9 Jun 2026

O Concello de Monforte de Lemos vén de abrir o prazo para a solicitude das axudas municipais destinadas á adquisición de libros de texto e material escolar complementario, correspondentes ao curso 2026/2027.

A convocatoria foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o pasado sábado, 6 de xuño, e dende este luns, 8 de xuño, xa se poden presentar as solicitudes. O prazo permanecerá aberto ata o 6 de xullo.

O alcalde, José Tomé Roca, destacou que este ano o Concello incrementa a dotación económica destas axudas ata os 35.000 euros, o que supón 5.000 euros máis que na convocatoria anterior. Segundo indicou, este aumento busca reforzar o apoio ás familias con menor renda per cápita do municipio, que son as que presentan maiores dificultades para facer fronte aos gastos derivados do inicio do curso escolar.

Estas axudas están dirixidas ao alumnado empadroado en Monforte de Lemos e matriculado en centros do municipio en educación infantil (3-5 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial.

Para poder acceder ás subvencións, as bases establecen que a renda per cápita da unidade familiar non debe superar o 70 % do IPREM mensual de 2026. Ademais, será necesario cumprir outros requisitos como estar empadroado no concello, atoparse ao corrente das obrigas tributarias municipais e non estar incurso nas prohibicións legais para obter a condición de beneficiario.

Quedan excluídos do cálculo da renda determinados ingresos, como as prestacións da lei de dependencia ou as axudas por violencia de xénero reguladas no Real Decreto 1452/2005.

As contías das axudas varían segundo a etapa educativa: 75 euros por alumno en Educación Infantil, 100 euros en Educación Primaria, 120 euros en Educación Secundaria Obrigatoria e ata 150 euros no caso de alumnado de educación especial ou con discapacidade igual ou superior ao 65 %, ou que reciba medidas de apoio á diversidade.

A renda per cápita calcularase a partir dos ingresos da unidade familiar do exercicio fiscal 2024, tendo en conta os criterios establecidos nas bases, e poderá adaptarse en función de circunstancias económicas debidamente xustificadas.

As solicitudes deberán presentarse no modelo oficial dispoñible nos Servizos Sociais municipais, no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal.

0.12682890892029