O Concello de Monforte abre o prazo de axudas para asociacións culturais, lúdicas e formativas

RibeiraSacraXa
As subvencións de 2026 contan con 15.000 euros e deberán solicitarse exclusivamente a través da Sede Electrónica ata o 14 de xullo
tome-pxom-monforte
23 Jun 2026

O Concello de Monforte de Lemos abriu o prazo de solicitude das axudas destinadas a asociacións culturais, lúdicas, recreativas e formativas do municipio, segundo anunciou o alcalde, José Tomé Roca, tras a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde o 23 de xuño e permanecerá vixente ata o 14 de xullo de 2026. Como novidade, establécese a obrigatoriedade de realizar a solicitude unicamente a través da Sede Electrónica.

O alcalde subliña que para este exercicio se mantén o orzamento de 2025, tras incrementarse nun 20% respecto a anteriores convocatorias, co obxectivo de fomentar as iniciativas culturais, lúdicas e formativas impulsadas por asociacións sen ánimo de lucro do municipio.

O importe total destinado a estas axudas é de 15.000 euros para 2026, e establécese que se concederá unha única axuda por entidade, cun máximo de 1.000 euros e ata o 70% do investimento subvencionable por cada anualidade.

Segundo a información municipal, estas subvencións teñen como finalidade incentivar actividades culturais de interese e apoiar proxectos que promovan, difundan e conserven manifestacións culturais impulsadas desde distintos ámbitos da sociedade local.

Poderán optar a estas axudas as asociacións legalmente constituídas que desenvolvan actividades de interese xeral para o municipio, sexan de carácter cultural, veciñal, popular, profesional, lúdico ou recreativo, e que cumpran requisitos como non ter ánimo de lucro, estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e estar ao corrente das obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Quedan excluídas as asociacións e entidades deportivas, así como as entidades de iniciativa social autorizadas para a prestación de servizos sociais, e aquelas que xa reciban subvencións nominativas do Concello para as mesmas actividades.

Entre a documentación requirida inclúense a solicitude oficial, memoria detallada do programa de actividades de 2026, orzamento de ingresos e gastos, datos bancarios, declaracións responsables e acreditación do cumprimento dos requisitos legais.

A presentación deberá realizarse por vía electrónica conforme á Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas.

0.11375689506531